O BNG presentará unha iniciativa para ser tratada no vindeiro pleno do concello de Lugo e na que se solicitará o apoio da corporación á convocatoria da folga de mulleres prevista para o 8 de marzo de 2018. A reivindicación realizarase no marco dunha xornada internacional de paros e mobilizacións para reivindicar a igualdade de oportunidades nas condicións de traballo.
Segundo explicou a edil nacionalista Maite Ferreiro “a folga feminista do 8 de marzo pretende ser unha chamada de atención, dende o ámbito local máis próximo ao internacional, sobre a desigualdade e invisibilidade que historicamente sofren as mulleres, co obxectivo de esixir a mellora das súas condicións sociais e laborais para combater as discriminacións laborais agravadas polas medidas aplicadas baixo a coartada da crise económica”. Tamén se solicita, na iniciativa do BNG, que o concello realice un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas polo movemento feminista galego e a secundar a manifestación nacional unitaria.
Na cidade de Lugo hai un 26 % máis de mulleres desempregadas que homes e “esta cifra fai visible a desigualdade que tamén existe en materia laboral”. No mes de decembro de 2017 o total de persoas paradas en Lugo era de 6307 das cales 3524 mulleres e 2783 homes esto supón que a cifra de mulleres desempregadas supón un 26 % de incremento sobre a cifra de homes que están nesta situación. A fenda salarial en Galiza é do 23%, pois mentres o salario medio anual dos homes estímase en 20.243 euros o das mulleres só chega aos 15.730 euros, ao que hai que engadir que os contratos a tempo parcial, temporal e descontinuo son maioritariamente femininos, o que repercute na baixa cotización, soldo, prestación do paro e das pensións.
Os datos demostran que son maioritariamente as mulleres as que optan por xornadas parciais ou excedencias para coidar crianzas e maiores, moi por riba da poboación masculina. No caso das excedencias, por exemplo, no 2017 foron solicitadas por mulleres 1.078 fronte a 132 pedidas por parte de homes. Ferreiro sinalou que “no laboral as mulleres galegas sofren a inexistencia dun marco de relacións laborais galego que axude a negociar melloras para os traballos feminizados do noso país, como a conserva, ademais de sufrir as consecuencias das reformas laborais do goberno central, lesivas para a clase obreira, e a desatención de Xunta e Estado ao fomento de políticas activas contra a discriminación laboral sobre as mulleres”.