A XVIII mostra de teatro clásico da cidade de Lugo non puido ter mellor arranque. O xoves pasado deu comezo esta mostra con La Comedia de las Mentiras, que ateigou o Gustavo Freire e onte repetiuse a mesma sorte con La Judía de Toledo. Entre as dúas obras conseguiron reunir a un milleiro de persoas nas butacas do auditorio lucense. A programación continuará despois do Entroido, concretamente o xoves, 15 de febreiro, con Helena: xuízo a unha lurpia, un monólogo de Miguel del Arco.
Ao longo de 60 minutos, o Auditorio Municipal Gustavo Freire manterá un encontro coa fermosa Helena, a filla de Zeus e Leda, a muller de Menelao, a amante de Paris. A paixón da amante namorada do fermoso Paris co desafío e o rancor para con Zeus centran esta obra, da compañía Teatro do Atlántico.
O domingo 18 será a quenda de Cervantina. A compañía Nacional de Teatro clásico en coproducción con Ron Lalá amosará distintas versións e direccións sobre texto de Cervantes. Unha festa de pezas breves que reúne sobre o escenario o mellor deste escritor, capaz de contaxiarelles aos espectadores a risa intelixente, sensible e fonda da máxima figura da literatura española.
As entradas para ambas as dúas obras, que serán a partir das 20:30 horas, aínda se poden adquirir na web www.entradaslugo.es, na Oficina Municipal de Turismo e no propio auditorio unha hora antes do comezo da representación. No medio destas dúas representacións da sección oficial da mostra, o patio do Vello Cárcere converterase en escenario para acoller A Noiva de Don Quixote, de José Luis Esteban, onde Dulcinea se rebela contra a personaxe que Cervantes lle atribuíu na novela. Con humor, con ironía e con emoción desvela acontecementos que non aparecen no Quixote.