A Concellería de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, que dirixe a edil Ana González Abelleira, vén de poñer en marcha unha nova edición da campaña Desenmascara o machismo, unha iniciativa por un entroido libre de sexismo, tal e como fai noutras festividades, como o Arde Lucus ou o San Froilán.
A campaña, impulsada polo Goberno de Lugo, ten por finalidade ensinar a vivir o entroido libre de roles e estereotipos sexistas dende a nenez. Céntrase, principalmente, na responsabilidade á hora de comprar disfraz e inclúe algunhas cuestións a ter en conta no momento da súa selección, sobre todo para os infantís: descartar aqueles que supoñan unha hipersexualización, por exemplo aqueles que existen en dúas versións, temáticos para o neno e sexy para a nena, que os disfraces podan ser utilizados indistintamente polas nenas e nenos, que desenvolvan a imaxianción e que favorezan a creatividade, entre outros.