O Breogán celebra a Copa Princesa coas institucións lucenses

O club de baloncesto Café Candelas Breogán gañou o pasado sábado a Copa Princesa e a celebración dese grandísimo fito aínda non acabou. Dende primeira hora o club achegaba esta copa aos seus patrocinadores de Cafés Candelas, e máis tarde chegáballe o turno ás institucións. E é que a alcaldesa da Cidade, Lara Méndez, o voceiro da Deputación, Álvaro Santos e o Delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, encargáronse de recibir e felicitar aos xogadores por tal fazaña.

Primeiro foi o turno do Concello, os rapaces do CB Breogán encheron o Salón de Plenos onde non só lles recibiu Lara Méndez senón que tamén estiveron presentes representantes doutros grupos da corporación. A alcaldesa presidiu o acto
de recepción institucional, ao que asistiron o presidente do club, Jesús Lázare, o corpo técnico, co adestrador Natxo Lezcano á cabeza, e os xogadores, aos que a rexedora deu os parabéns en nome propio, de toda a Corporación e de toda a cidade, por este trofeo, a segunda Copa Princesa que gaña o Breo, a primeira xogando a final en Lugo, tras a de 2008 (naquel momento Copa Príncipe).

Lara Méndez subliñou ademáis o orgullo de Lugo por contar cun club de primeiro nivel que cada ano acada novas cotas de éxito, pois, a maiores da Copa Princesa, o equipo está a ter unha gran traxectoria na Liga, que a Alcaldesa espera que culmine nun ascenso. Neste senso, desexou sorte para o partido que disputan o venres en Cáceres. A rexedora puxo en valor a contribución do Breogán á promoción dos valores do deporte na sociedade lucense, sobre todo entre os nenos e nenas, e agradeceu que o Club leve o nome de Lugo sempre con orgullo alá a onde vai.

Pola súa banda, Álvaro Santos Ramos, quen recibiu ao club no Pazo de San Marcos, lembrou o apoio que a institución provincial dá ao Breogán a través do contrato de patrocinio que asinaron. Así como coas obras de mellora e acondicionamento acometidas no Pazo dos Deportes.

Os xogadores e o corpo técnico acabaron a ruta na Delegación Territorial da Xunta onde José Manuel Balseiro, acompañado do xefe do servizo provincial de Deportes, Manolo Otero, recibiron ao equipo. O delegado felicitoulles por este logro e polos outros moitos que están acadando nesta tempada onde as súas vitorias contribúen a incrementar a autoestima dos lucenses. “No deporte e na vida non hai nada sen esforzo, sen sacrificio, non hai nada sen afán de superación. Creo que disto xogadores e equipo técnico dades sempre boa mostra. Así que sabede que é unha honra que un equipo galego sexa campión de copa e estea dando a batalla desde o máis alto por un ascenso á ACB, que agardamos pronto se materialice”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com