A TIC da Deputación estrea o 1º documental sobre a Queima das Fachas de Castelo

O patrón da Fundación Tic e Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, presentou este sábado o primeiro documental sobre A Queima das Fachas de Castelo nun acto que tivo lugar no local social desta parroquia de Taboada, e no que estivo acompañado polo presidente da Asociación Cultural A Fachas, Manuel Fidalgo. Os veciños de Santa María de Castelo, principais protagonistas, asistiron á estrea do audiovisual co que, segundo o patrón da TIC, “contribuímos a manter viva unha tradición ancestral e das máis singulares de Galicia. De feito, hai estudos que falan dunha orixe castrexa”.

Santos Ramos dixo que “desde a TIC e a Deputación apostamos por impulsar iniciativas que, como a Queima das Fachas, nos fan sentir moi orgullosos da nosa cultura e das nosas orixes. Para que valoremos o noso rural, o primeiro é sentirnos orgullos del. Pero este apoio vai moito máis alá. Unha das prioridades do Goberno da Deputación é a defensa do rural, polo que traballamos desde diversos ámbitos para xerar riqueza e fixar poboación”.

“O apoio á Queima das Fachas forma parte desta prioridade. Ademais dunha festa etnográfica, é unha cita turística de primeiro orden, pola súa singularidade. Pero é fundamental dala a coñecer. Queremos que a parroquia de Castelo estea no mapa de eventos turísticos imprescindibles para os amantes das tradicións, que cada vez son máis, non só en Galicia, senón en toda España”, apuntou o responsable provincial.

O documental, de 15 minutos de duración, abarca todo o proceso: a recollida dos agucios, a elaboración das fachas, o traslado ao castro, a súa instalación e, por último, a queima, que ten lugar todos os anos, desde hai séculos, na noite do 7 ao 8 de setembro. Ademais conta coa participación do antropólogo Xabier Viana, e inclúe “declaracións dos veciños que conservan a tradición dos seus antepasados e de rapaces que nos fan confiar en que se manteña no futuro. O audiovisual tamén é un recoñecemento ao traballo que está a desenvolver a Asociación Cultural As Fachas. Valoramos o gran esforzo que están a facer para que a Queima se manteña e vaia a máis”.

A Asociación Cultural As Fachas constituíuse a finais de 1992 e ten entre os seus obxectivos procurar que non se extinga esta tradición ancestral, a súa organización e a conservación patrimonial da parroquia. É unha das organizacións sen ánimo de lucro que ten asinado convenio coa TIC. Esta colaboración forma parte dunhas das principais liñas de actuación da Fundación, de apoio ao tecido asociativo da provincia e ao gra labor que desenvolve en diversos ámbitos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com