A Festa da Androlla reúne a preto de 3.000 persoas en Navia de Suarna

Un ano máis celebrouse a Festa da Androlla na Proba de Navia á que asistiron, entre outros, o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Alcalde de Navia Suarna, José Fernández Fernández. A festa chegaba este ano a súa  XXVIII edición, e reuniu en torno a ese popular embutido, a preto de 3.000 persoas ao longo da xornada que se celebrou, como os anos anteriores, na Praza da vila deste Concello. O Goberno da Deputación é o principal patrocinador desta cita, cunha achega de 3.000 euros.Campos Conde sinalou que “a Festa da Androlla é unha oportunidade única para incentivar a economía do municipio, pois xera un volume de negocio que supera os 10.000 euros. Dende o Goberno da Deputación, colaboramos con este tipo de citas gastronómicas co fin de dinamizar o turismo nos concellos, aproveitando os recursos gastronómicos dos que dispomos na provincia”.

Nesta 28ª edición da Festa, degustáronse 200 quilos do embutido de forma gratuíta, e vendéronse 2.000 quilos do produto a un prezo de entre 5 e 6 euros a peza. Ademais da venda de androlla, na cita gastronómica participaron 30 expositores onde se comercializaron produtos como a tradicional rosca de Navia, chourizos, queixos, morcilla, cerámica, ourivaría e produtos artesanais da montaña luguesa.

Colaboración con 28 citas gastronómicas

O Concello de Navia de Suarna e a Deputación de Lugo son os organizadores da Festa da Androlla, que contribúe á elaboración deste embutido na zona e a promover os produtos típicos da montaña luguesa. Esta celebración figura dentro das 28 citas gastronómicas coas que colabora o Goberno da Deputación, co fin de promover produtos autóctonos e de calidade da provincia de Lugo. O Executivo Provincial destina máis de 100.000 euros para a organización destas citas, sendo na maioría dos casos a única administración que colabora cos municipios para a súa realización.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com