A Biblioteca Municipal incorporou o pasado ano 352 novos usuarios

A biblioteca municipal está de noraboa. Tras o balance feito pola concellería de cultura, turismo, xuventude e promoción da lingua, comprobouse como o número de usuarios non deixa de medrar. No último ano rexistráronse na bilbioteca situada no parque de Frigsa 352 usuarios novos o que supuxo tamén un aumento no número de préstamos que se elevaron a 18.100, dos cales un 80 % (14.494) foron libros mentres que o resto 3.627, artículos audiovisuais.

Estas instalacións municipais contan cun fondo bibliográfico de 38.429 exemplares, entre libros de adultos, infantís e xuvenís, documentos audiovisuais, documentos sonoros e documentos electrónicos. Ao longo do 2017, a biblioteca incorporou 837 exemplares, 442 para adultos e 395 infantís, reforzando e actualizando o Concello ano tras ano  este servizo municipal de gran demanda.

Na actualidade, do total de persoas usuarias inscritas no servizo de préstamo, 11.400 son adultos e 1.474 nenos e nenas.

En canto os exemplares máis solicitados polos usuarios, en castelán da sección de adultos atópanse os libros Todo esto te daré, de Dolores Redondo; La verdad sobre el caso Harry Quebert, de Jöel Dicker, Patria de Fernando Aramburu ou La chica del tren, de Paula Hawkins. En galego, os exemplares máis prestados foron Ollos de auga de Domingo Villar, Mercurio de Emilio Alonso, Un animal chamado néboa de Ledicia Costas, Memorias dun neno Labrego de Xosé Neiras Vila e Os elefantes de Sokúrov de Antón Riveiro Coello.

Polo que respecta á sección infantil, os libros en castelán máis solicitados polos nenos e nenas foron Diario de Greg: ¡Esto es el colmo! de Jeff Kinney, Una aventura en el Caribe, de Tea Stilton ou El hogar de Miss Peregrine para niños peculiares, El juego infinito e Buscando plan, de Ransom Riggs, James Dashner e Jeff Kinney, respectivamente. No que se refire ás obras en galego, os máis pequenos da casa decántanse por Escarlinata a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, Os Bolechas van a un festival de Pepe Carreiro, Europa express de Andrea Maceiras, Xenaro e o misterio da mochila verde, de Mar Guerra e O escarabello de ouro e outros contos, de Edgar Allan Poe.

O catálogo dixital da Biblioteca Municipal de Lugo, que permite realizar consultas e reservas de fondos a través de Internet, recibiu máis de 13.200 visitas. A este catálogo pódese acceder dende http://biblioteca.lugo.gal e a través da web municipal. O acceso xeral ao catálogo, para o que non é preciso estar rexistrado, permite a visualización dos resultados de cada busca cos datos bibliográficos do documento e ofrece ligazóns sobre os seus autores e materias.

O inicio de sesión como usuario rexistrado realízase co número de carné e unha contrasinal que se lles facilitará dende a propia biblioteca. Os que xa teñan o seu correo electrónico rexistrado na biblioteca poden solicitar a súa contrasinal acudindo persoalmente ou enviando un correo electrónico a bibliotecamunicipal@concellodelugo.org.

No que se refire ao libro electrónico, o control do números de usuarios realízase a través da Xunta de Galicia. Sen embargo, a través da biblioteca municipal as persoas interesadas si se poden dar de alta.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com