A oposición desconfía de que Lara Méndez quera tirar o Garañón

O voceiro do Grupo Municipal do PP no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, afirmou esta mañá que “ten claro” que Lara Méndez non será a alcaldesa que tire o Garañón, e denunciou que a rexedora tende a “agocharse e agardar” a que outras administracións lle solucionen os problemas o que, advertiu, “pode supoñer responsabilidades xurídicas” para Méndez por non acatar a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Ameijide anunciou que pedirá “acceso e copia” dos informes de enxeñería, urbanismo e asesoría xurídica para estudar o seu contido.

Antonio Ameijide denunciou que Lara Méndez demostrou na comisión desta mañá que “non ten interese” por cumprir a sentenza do TSXG xa que o único que fai a alcaldesa é “escudarse noutras administracións para non tomar decisións que lle competen exclusivamente a ela”, con dous obxectivos claros: por unha parte que outras administracións “veñan a
solucionarlle” os problemas que “ela e o seu partido” xeraron na cidade e, por outra banda, “perpetuar a herdanza do seu padriño político na cidade”, en referencia ao exalcalde José López Orozco.

O popular tamén fixo público que os socialistas non deixaron claro se o seu obxectivo é derrubar por completo as torres do Garañón ou, pola contra, conservar algunha parte do edificio, algo que os socialistas dixeron “depende de Patrimonio” pese a que acatar a sentenza compete exclusivamente ao Concello de Lugo.

Nesta mesma liña, falaron os demáis grupos, en especial Cidadáns e ACE- EU. O voceiro de Alternativa Cidadá de Esquerda, Carlos Portomeñe, vía esta mañá con preocupación as respostas dadas polo goberno na Comisión de Desenvolvemento Sostible  ás preguntas presentadas por este grupo municipal sobre o  expediente de reposición da legalidade referente ás torres ilegais de O Garañón.

A alcaldesa confirmou que se está a contemplar a posibilidade de manter en pé unha parte das torres e que o executivo local está en conversacións coa Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia para analizar a demolición parcial dos edificios. O voceiro de ACE-EU, Carlos Portomeñe, reitera que “non hai outra opción legal que non sexa o derrubamento total para a reposición dos terreos ao seu estado previo, que é o que dictou o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Calquera outra acción sería un incumprimento directo das sentenzas firmes, polo que solicitar informes e destinar tempo e recursos municipais a estudar a demolición parcial só supón manobras dilatorias para non efectuar as resolucións xudiciais”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com