Este vindeiro luns remata o prazo para inscribirse nos 188 novos postos de traballo para lucenses no paro en todos os sectores, que xera na provincia o Goberno da Deputación co Ben Empregado IV, máis social. Os interesados poden facelo a través da oficina da Axencia de Colocación da Deputación, en San Marcos; na web (https://deputacionlugo.portalemp.com/index.php?lng=gl) ou nos Rexistros Provinciais.
Esta cuarta edición do Ben Empregado, que financia en solitario o Executivo Provincial con 2,4 millóns de euros, permite financiar durante un ano os custos laborais de novos traballadores en entidades e asociacións da provincia. Tendo en conta as peticións dos solicitantes que resultaron beneficiados do Ben Empregado IV, o Goberno da Deputación financiará ao 100% os custos laborais de 19 lucenses no paro con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social, ao 90% os de 39 persoas sen traballo que serán contratadas en colectivos e asociacións e ao 50% a 130 veciños desempregados que comezarán a traballar en entidades da provincia.
Tres liñas de financiamento
O Goberno da Deputación ofrece o 100% da axuda ás entidades que contraten persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral. Son 19 as empresas que solicitaron esta liña e resultaron beneficiadas e que contratarán a outros tantos lucenses desempregados en dita situación.
O Executivo Provincial ofrece o 50% da axuda ás empresas que contraten a lucenses actualmente no paro en xeral. 130 entidades optaron por esta liña de financiamento e contratarán a outros 130 veciños da provincia en situación de desemprego.
A outra liña de financiamento está dirixida exclusivamente a colectivos sociais da provincia, aos que se lles ofrece o 90% da axuda para reforzar a súa actividade social con veciños no paro. Son 39 asociacións as que resultaron beneficiadas e polo tanto poderán contratar a 39 novos traballadores.