A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, informou da presentación dunha Proposición non de Lei no Parlamento Galego para que este órgano inste á Xunta de Galicia a desenvolver as accións necesarias diante do Goberno español para exixir o arranxo do firme na A-6. Rodil cualificou como “desastroso” o mantemento desta autoestrada no tramo galego que “afecta máis a uns tramos que outros, pero hai zonas especialmente afectadas e algunhas practicamente intrasitables”.
“A falta de mantemento no firme da A-6 no tramo galego evidénciase a pouco que calquera colla o vehículo e pase por este tramo da Autoestrada do Noroeste construída hai dúas décadas”, sinalou Rodil. A nacionalista resaltou as habituais as fochancas en moitas zonas e asegurou que tamén existe un importante deterioro xeral do firme, pricipalmente nos carriles utilizados polos vehículos de gran tonelaxe. Para o BNG, “esta situación débese a unha desatención evidente por parte da empresa concesionaria encargada da súa xestión (cuxo contrato remata este verán) e pola deixadez do Ministerio de Fomento, titular da infraestrutura.”
O actual estado do firme supón un risco para os milleiros de persoas que transitan no seu vehículo e que a diario fan uso desta autovía. Rodil cuantificou a importancia desta vía sinalando que un promedio de 23.000 vehículos, ao día, circulan no tramo entre o polígono industrial do Ceao, na cidade de Lugo, e Outeiro de Rei.