A Consellería do Medio Rural destinou o pasado ano 20,7 millóns de euros ao rural da comarca de Sarria a través de axudas da PAC e axudas propias para a mellora de explotacións, incorporación de mozos á actividade agraria e impulso das pequenas explotacións.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, deu a coñecer estes datos durante unha visita ao lugar no que se emprazará unha nova granxa avícola en Sarria, promovida por Avícola A Veiga SC e apoiada pola consellería con sendas axudas para a incorporación de dúas novas socias e para a construcións de novas instalacións. Balseiro puido coñecer o proxecto da man dos promotores, nunha visita na que tamén participaron a alcaldesa de Sarria, Pilar López, e a xefa territorial da Consellería do Medio Rural, Olga Iglesias, entre outros.
O delegado explicou que, dentro do montante total, máis de 7 millóns de euros foron distribuídos entre agricultores e gandeiros do municipio de Sarria, e subliñou que “os datos poñen de manifesto a forte aposta do Goberno galego polo sector agrogandeiro, cuxo progreso resulta fundamental para a nosa provincia porque ten un peso significativo na nosa situación socioeconómica”.
Neste sentido, o delegado incidiu na liña de apoios para a incorporación da mocidade á actividade agraria, da que se beneficiaron 44 persoas na comarca grazas a un investimento global de 1,2 millóns de euros, e que “é un pulo para a supervivencia de moitos núcleos do rural necesitados de fixar poboación moza”.
O programa ao que se adheriron maior número de agricultores e gandeiros foi o de axudas aos plans de mellora, con 70 beneficiarios na comarca que suman subvencións por importe de 3,9 millóns de euros sobre un investimento total mobilizado de 7,4 millóns, dedicados a obras nas instalacións ou compra de equipamentos.
Igualmente, aprobáronse 28 axudas para pequenas explotacións por unha contía global de 420.000 euros. Polo que respecta aos pagos da PAC, no conxunto da comarca alcanzan un importe de 15,1 millóns de euros.