A Xunta convida aos centros escolares a coñecer o viveiro forestal bovedés ‘Os Trollos’

A Consellería de Medio Rural, a través do servizo provincial de Montes de Lugo, remitirá aos centros escolares da provincia unha carta convidándoos a coñecer o viveiro forestal de Os Trollos, en Bóveda, e a participar nas distintas actividades de educación e divulgación que organiza.

Así o deu a coñecer esta mañá o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, durante a visita a estas instalacións que, ao longo das súas 30 hectáreas de superficie, ofrecen espazos singulares polos seus valores paisaxísticos, forestais e ambientais.

Localizado preto da vila de Bóveda, o viveiro forestal Os Trollos, de titularidade e xestión autonómica, dispón de instalacións preparadas para a recepción de visitantes e para a realización de diversas actividades de educación e divulgación dirixidas, de xeito especial, aos escolares.

A súa aula forestal conta cunha exposición permanente para explicar dun xeito sinxelo e ameno, o ciclo das árbores, dende a súa plantación á súa corta, así como os diferentes pasos de transformación da madeira. Así, os escolares poderán coñecer o proceso de produción de sementes, coidados dos montes, utensilios e ferramentas de traballo, procesos básicos de transformación da madeira, produtos do monte, costumes e tradicións e datos sobre as características singulares das propiedades dos montes.

Balseiro explicou que as visitas guiadas que se concerten, ademais de coñecer a aula forestal e a súa contorna, poden complementarse coa realización dun itinerario polo sendeiro fluvial e polo conxunto do viveiro no que se desenvolven tarefas de produción de sementes e árbores.

De feito, das instalacións parten incluso dúas rutas de sendeirismo: a ruta de Os Trollos de cinco quilómetros e a ruta da Serra das Penas, de 18 quilómetros, ambas transcorren por ecosistemas destacados, entre piñeirais, soutos e carballeiras. Ademais, contan cunha zona de lecer, con bancos e mesas de pedra ao aire libre, nas que se pode descansar ou xantar.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com