C’s leva ao Pleno sete medidas para impulsar o coche eléctrico en Lugo

O Pleno do Concello de Lugo debaterá mañá unha iniciativa presentada por Cidadáns para impulsar o coche eléctrico en Lugo co obxectivo de que esta cidade “non quede atrás na verdadeira revolución que vai a supoñer nos vindeiros anos o desenvolvemento dos vehículos eléctricos”.

A iniciativa, que asinan os concelleiros de Cidadáns en Lugo, Olga Louzao e Jesús Expósito, inclúe sete medidas para favorecer a substitución do parque móbil actual de vehículos con motores de combustión por motores eléctricos na vindeira década. “Os coche eléctrico é xa unha realidade en moitas cidades europeas e do resto de España, pero na nosa cidade só un 6% cos vehículos matriculados son híbridos ou eléctricos”, explicou Olga Louzao, que considera que a substitución do parque móbil actual por coches verdes tería vantaxes non só medioambientais, senón tamén económicas e de saúde da poboación.

Entre as medidas propostas por Cidadáns está habilitar puntos de recarga distribuidos por toda a cidade, xa que en Lugo neste momento só hai catro lugares onde poder cargar un coche eléctrico, os instalados no ano 2010 nas rúas Ángel López Perez e Cidade de Viveiro, e os creados recentemente no Centro Comercial As Termas e nunha gasolineira en Piugos. Entre eses novos puntos de recarga, Cidadáns propón habilitar un aparcadoiro para vehículos eléctricos no Ceao, na área de demostración de Enerxías Alternativas, con puntos de recarga gratuitos aproveitando a enerxía que xeran as placas solares municipais instaladas hai unha década nunha parcela da Avenida Benigno Rivera e que, malia o investimento realizado de máis de 700.000 euros, non está sendo aproveitada ao non estar a instalación conectada á rede de evacuación. “Sería unha maneira de aproveitar esas placas solares e o investimento realizado no seu momento”, afirma Olga Louzao.

A voceira de Cidadáns tamén pide ao Concello que “dea exemplo, substituíndo a súa flota actual de vehículos por coches eléctricos en servizos como a Policía Local ou os autobuses urbanos, e instalando puntos de recarga nos aparcadoiros públicos municipais da Praza da Constitución, Praza de Santo Domingo e Praza de Ferrol”. Cidadáns pide ademais que o Concello exima aos vehículos cero emisións de pagar impostos e lles permita estacionar gratuitamente no sistema ORA, cando se volva poñer en marcha. 

Finalmente, Cidadáns tamén inclúe na súa proposición que mañá debaterá o Pleno obrigar aos novos edificios que se constrúan na cidade a contar con puntos de recarga nos seus garaxes e bonificar as licenzas de obra para a instalación destas infraestruturas nos edificios que xa estean construídos. 

Olga Louzao insistíu en que “Cidadáns aposta por unha nova mobilidade para as cidades que pase por máis protagonismo para o peatón, un transporte público eficiente e un parque móbil non contaminante e máis sostible” e dixo que “Lugo debe sumarse decididamente a este novo modelo urbano que debe ser impulsado desde o Concello”.  

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com