San Marcos acolle un coloquio sobre o impacto do cambio climático nas Reservas da Biosfera

O Goberno da Deputación organiza para mañá, ás 17:00 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, un coloquio aberto e totalmente gratuíto sobre o impacto do cambio climático nas variacións biolóxicas das especies animais e vexetais nas Reservas da Biosfera. Así o avanzou o Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, que explicou que se trata dunha iniciativa enmarcada no Programa de seguimento fenolóxico da Rede Española de Reservas da Biosfera, posto en marcha polo Organismo Autónomo de Parques Nacionales (OAPN) e co que colabora o Executivo provincial, co fin de detectar e avaliar a influencia do clima no desenvolvemento das Reservas de Terras do Miño, e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. As prazas concederanse por rigorosa orde de solicitude a través do enderezo electrónico und.medioambiente@deputacionlugo.org ou 982 227 812.

Fernández Queipo destacou que “dende o Goberno da Deputación somos conscientes da importancia de promover accións de sensibilización social en defensa da protección do medio ambiente, como neste caso son as Reservas da Biosfera que representan case o 55% do territorio total da provincia, o que a converte nunha das maiores riquezas que temos todos os lucenses”. O Deputado apuntou que “o Pazo de San Marcos será un lugar no que se afondará sobre aspectos moi importantes no eido medioambiental da nosa provincia, polo que convido a todos os veciños interesados a que se inscriban”.

A charla estará impartida polo Xefe de Sección Técnica do OAPN, Manuel Oñorbe Esparraguera, que explicará os pormenores do programa e as liñas de actuación para involucrar a toda a poboación no rexistro de datos para a detección de cambios nos fenómenos biolóxicos de ritmo periódico, como o florecemento ou a migración de aves, como consecuencia dos cambios no clima nas reservas da biosfera.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com