O director xeral de Tráfico, Gregorio Serrano, vén de realizar a súa primeira visita oficial a Lugo dende o seu nomeamento, para coñecer de primeira man as singularidades do tráfico na provincia así como o traballo que desenvolve tanto a Xefatura provincial de Tráfico como o Subsector de Tráfico da Garda Civil.
Gregorio Serrano comezou a súa estadía na provincia visitando, na tarde deste martes, o tramo da autovía A-8 ao seu paso polo Alto do Fiouco, onde comprobou in situ o funcionamento do sistema de balizas que a DGT instalou recentemente nun tramo de xeito experimental e co que se pretende mellorar a visibilidade no vial ante situacións meteorolóxicas adversas, principalmente por néboa densa.
Esta mañá, o director xeral visitou as instalacións da Xefatura Provincial de Tráfico e do Subsector de Tráfico da Garda Civil en Lugo. Na Xefatura provincial o director xeral saudou aos traballadores, cos que conversou sobre a dinámica do seu traballo cotiá, e aproveitou para manter unha reunión coa presidenta da Asociación Provincial de Autoescolas, Mónica Pérez, para tratar distintos temas vencellados coa provincia.
A continuación, achegouse á Comandancia da Garda Civil, onde percorreu as distintas dependencias oficiais do Destacamento de Tráfico, interesándose polos medios materiais e de persoal. Ademais, o tenente xefe do Destacamento lucense, Diego Orviz, fixo unha presentación sobre os aspectos máis representativos da unidade: datos xeográficos e de vías de comunicación, efectivos e medios materiais dispoñibles, así como intervencións e actuacións levadas a cabo.
Gregorio Serrano estivo acompañado nas visitas polo subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo; a coordinadora da DXT en Galicia, Victoria Gómez Dobarro; o tenente coronel xefe da Agrupación de Tráfico de Galicia, Francisco Javier Molano; e a xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, entre outros