O luns, 26 de febreiro, será un día clave para a cidade de Lugo; dende ese día, o SERGAS ofrecerá no Hospital Lucus Augusti (HULA) o servizo de Hemodinámica en horario das 08.00 ata as 22.00 horas, de luns a domingo. Algo que ata agora se ofrecía de luns a venres de 08:00 a 15:00 horas.
Así o anunciou onte o Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e así o confirmaron hoxe o xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte (EOXI), Ramón Ares Rico, e o xefe do Servizo de Cardioloxía do HULA, Juan Carlos González Juanatey.
Ramón Ares confirmou que, a partir do luns, a Unidade de Hemodinámica ampliará o seu horario de funcionamento de forma continuada ata as dez da noite. Con esta medida, apuntou, “o Sergas e a EOXI de Lugo pretendemos potenciar o crecemento integral actual e futuro do Servizo de Cardioloxía do Hula e da Unidade de Hemodinámica e ofrecer aos lucenses os maiores niveis de calidade na atención cardiolóxica”. Grazas á implantación da xornada de mañá e tarde, o Hula poderá asumir un maior número de procedementos programados e urxentes directamente dende Lugo, evitando traslados de pacientes e mellorando a accesibilidade dos pacientes que precisen este tratamento.
Esta decisión, segundo explicou Ares Rico, foi tomada tras observar a evolución dos infartos rexistrados no Regaliam, o Rexistro galego de Infarto de Miocardio, e tras as recomendacións técnicas, que aconsellaban aumentar as horas de atención para reducir o tempo de actuación fronte estas situacións.
Ares Rico reiterou que a atención aos pacientes que sofren infartos de miocardio agudo na provincia cumpre cos estándares de calidade propostos polas sociedades científicas e que a taxa de mortalidade está por debaixo dos parámetros que establece a Sociedade Española de Cardioloxía como estándar de calidade. Pese a esto, a evolución das crifas “consolídase coa ampliación do horario de apertura da Sala de Hemodinámica coa actividade continuada ata as 10 da noite o que permitirá mellorar aínda máis a excelente asistencia sanitaria que xa presta a unidade”.
Sen responder se se podería ampliar o servizo ás 24 horas que demanda a veciñanza, Ares Rico asegurou que, en función dos indicadores do Regaliam, de mortandade e tempos medios de actuación, seguirán avaliando a necesidade de ampliar ou non o horario. “En Lugo teremos o que precisen os pacentes, vamos seguir traballando”, concluiu o doutor.
Pola súa banda, González Juanatey quixo lembrar a gran transformación que acadou o servizo de Cardioloxía dende a chegada ao Hula, “temos o máximo nivel nas técnicas para tratar a todos os pacientes aquí”, aclarou o cardiólogo. Asemade, asegurou que tendo “horario de oficina” tratáronse máis de 500 casos en dous anos, sendo 161 os pacientes atendidos só en 2017, unhas cifras que supoñían “un terzo” do número de infartos derivados ao Complexo Hospitalario Universitario coruñés (Chuac).
Coa ampliación no horario do servizo, afirmou González Juanatey, só haberá que derivar ao Chuac “outro terzo”, pois o resto serán atendidos no Hula. Para o xefe de Cardioloxía, é importante recoñecer que o cambio de horario vén dado polo Regaliam que “puido transformar a incidencia de impacto do infarto de miocardio”. E non quixo acabar sen aconsellar que, ante calquera situación da veciñanza, o primeiro que se debe facer é chamar ao 061 pois, “está demostrado que reduce considerablemente os tempos de actuación”.
“Non queremos ampliar o horario, queremos a Hemodinámica 24 horas”
A este terzo de pacientes que son derivados se referiu hoxe a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez que asegurou que Lugo está, precisamente, a un terzo de ter cidadáns de primeira categoría e lamentou que os lucenses teñan que conseguir os seus dereitos nas rúas.
Pola súa banda, o Secretario provincial do PSdeG- PSOE, Álvaro Santos Ramos, congratulouse do efecto que tivo o seu ultimátum ao PP, hai dous días, pero asegurou que unha ampliación non é o que busca a cidadanía, “que o que Lugo quere é poder ter seguridade de atención a calquera hora do día ou da noite”.
Tamén diferentes grupos políticos reaccionaron, no mesmo senso, a esta nova. En Marea reclamaba onte a Hemodinámica 24 horas, e hoxe era o seu representante no Concello de Lugo, Lugonovo quen reclamaba que non era suficiente. “É un avance pero resulta insuficiente. Cando os pacientes sexan capaces de programar as súas doenzas estaremos conformes con que se limite ou restrinxa a prestación deste servizo. Mentres, dende Lugonovo seguiremos pelexando para que este Concello e a provincia, pero sobre todo, para que a súa pobación conte cos mesmos dereitos que a veciñanza do resto de Galicia”, asegurou a voceira da agrupación, Cristina Pérez Herráiz.
Doutra banda, a parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, saíu ao paso deste anuncio e cualificou de “insulto á intelixencia dos lucenses”, para a nacionalista esta ampliación evidencia “o maltrato do PP ás persoas que viven en Lugo, no que non lles importa subministrar a atención sanitaria a contagotas”.