O voceiro do BNG-AA, Rubén Arroxo, informou que solicitará dos servizos municipais que se elabore un informe para delimitar con exactitude a zona de protección do manantial de augas termais de onde recibe auga o balneario de Lugo. “É certo que existen discrepancias xurídicas á hora de definir o caracter público ou privado das augas termais e minerais, pero entendemos que a creación dun espazo con piscinas públicas, en Lugo, é posible sempre e cando se faga baixo criterios técnicos e atendendo ás normativas vixentes tanto estatais como autonómicas” dixo Arroxo.
As augas termais e minerais reciben unha consideración xurídica diferenciada e, no ámbito estatal están reguladas pola Lei de minas e algúns Reais Decretos, aínda que a competencia sobre esta materia é do goberno galego e para eso Galicia ten establecida a Lei 5/1995, de Regulación das Augas Minerais, Termais e de Manancial e dos Establecementos Balnearios. Ademais tamén se ditou o Decreto 402/1996, no que se regula o aproveitamento de augas mineromedicinais e termais. Rubén Arroxo sinalou que “o goberno municipal ten que poñerse a traballar para conxugar os dereitos de explotación das augas termais do balneario co dereito de uso público para poder disfrutar de espazos abertos e poder crear as piscinas termais públicas”.
O voceiro do BNG-AA, Rubén Arroxo, insistiu na necesidade de coñecer a delimitación exacta do perímetro de protección do balneario e explicou que “para a explotación das augas termais, os propietarios dos dereitos e explotación deben ter delimitado un perímetro de proteción”. O perímetro de protección e a súa delimitación depende das características do manantial ou captación, do funcionamento hidroxeolóxico do acuífero captado, a composición da agua, as demais captacións existentes, a vulnerabilidade do acuífero a contaminación, os posibles focos contaminantes, etc…
Arroxo apostou por avanzar no traballo necesario para que as piscinas termais públicas sexan unha realidade en Lugo “existen moitas posibilidades e o goberno socialista está acostumado a abandonar os proxectos ante a primeira dificultade ou atranco” dixo Arroxo que volveu a incidir na necesidade de coñecer o informe elaborado pola USC para saír de dúbidas e buscar solucións. Rubén Arroxo volveu a referirse á proposta do goberno municipal de “quentar a auga” como un despropósito e un engano “entendemos que hai que buscar todas as posibilidades para ter unhas piscinas termais reais e non con auga de quentador”.