Os corpos policiais intensificarán a vixianza para reducir a delincuencia en Ribadeo

O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, copresidiron esta mañá a reunión ordinaria da xunta local de seguridade, na que se fixo unha análise da situación delincuencial no municipio así como un repaso dos distintos plans de seguridade que se desenvolveron ao longo do ano 2017.

Os datos oficiais presentados revelan un lixeiro aumento das infraccións penais denunciadas en Ribadeo ao longo do último ano. Fronte a esa tendencia, destaca especialmente o descenso dos delitos contra a seguridade colectiva que se reduciron en preto dun 70%.

Ante estas cifras a xunta local de seguridade acordou intensificar a vixianza, tamén nocturna, por parte dos corpos policiais con presenza no municipio, así como reforzar a colaboración xa existente entre eles para esclarecer os delitos que se chegaron a producir.

Segundo se espuxo tamén na xuntanza, a Garda Civil resolveu o ano pasado a metade dos delitos de maior consideración (os catalogados como graves e menos graves) que se denunciaron en Ribadeo. Detiveron a 42 persoas e investigaron a outras 14.

Os membros da xunta de seguridade referíronse tamén aos roubos en establecementos hosteleiros rexistrados nos últimos meses no municipio. Neste senso, o subdelegado recoñeceu que estes feitos causan unha “lóxica sensación de inseguridade”. Trátase non obstante, e segundo explicou, “de feitos illados” pero “as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado están xa a traballar de xeito intenso para frear estes episodios”.

Na xuntanza lembrouse ademais que no mes de decembro non se presentou ningunha denuncia por esta tipoloxía delictiva no municipio, en xaneiro presentáronse dúas, e no que vai de febreiro, outras dúas (unha delas, por roubo en grao de tentativa, xa que únicamente se rexistraron danos na porta do local). A meirande parte de denuncias por delitos contra o patrimonio que se están a presentar en datas recentes en Ribadeo son, como constataron os corpos policiais, por furtos de carteiras e móbiles, principalmente.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com