A Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, vén de presentar esta mañá os resultados dos estudos previos á construcción da Estación Intermodal. Acompañada dun técnico, David Cota, que explicou os pormenores do estudo, Vázquez asegurou que, dende o punto de vista administrativo, a parte da Xunta estará rematada cando lle fagan entrega destes resultados a Adif e ao Concello de Lugo así como cando lles remitan tamén o convenio marco correspondente.
Lembramos que o pasado luns, estes tres axentes, Xunta, Adif e concello asinaron un convenio de colaboración para sacar adiante a intermodal polo que a Xunta debería tramitar todo o relativo á terminal de autobuses que, segundo adiantaron, estará emprazada no edificio contiguo á estación de tren, onde, actualmente está Correos. Sobre os prazos, a Conselleira avanzou que poderían comezar as obras, “se todo vai ben e nada se torce”, a finais do vindeiro ano.
Ethel Vázquez deu conta dalgunhas das condicións da terminal de autobuses, que contará cun investimento de 6,3 millóns de euros e terá unha superficie de 4.000 metros cadrados, con 192 prazas de aparcamento subterráneo compatibles coas que disporá a estación do tren. Asemade, terá 20 dársenas e un espazo de taxis e paradas rápidas denominado “kiss and ride”.
Pola súa banda, David Cota explicou os pasos que seguiron neste estudo que consistiu nunha análise da oferta e demanda, do número de expedicións e viaxeiros tanto no bus, como no tren ou no taxi, e en enquisas e sondaxes aos usuarios dos diferentes autobuses interurbáns, dos trens e dos taxis.
Segundo os datos recollidos, actualmente 500.000 viaxeiros utilizan ao ano os buses interurbáns que saen da estación e unhas 70.000 persoas utilizan o tren no mesmo periodo. Con esas cifras e atendendo ás enquisas realizadas, os técnicos calculas que, aproximadamente, unhas 30.000 persoas farían transbordos se existira unha Estación Intermodal na cidade de Lugo que, coa chegada do AVE, poderíanse duplicar.