A Axencia para a Protección da Legalidade Urbanística (Aplu) ampliará as súas funcións este ano ao asumir novas competencias municipais en materia de disciplina urbanística e estrear unha serie de servizos para asistir aos concellos de forma presencial e online.
Así o explicou o director da axencia, José Antonio Cerdeira, que inaugurou esta mañá en Lugo a xornada Novos servizos e competencias da Aplu coa que se están a dar a coñecer nas catro provincias as principais novidades da axencia para este ano. O evento reuniu a un total de 86 persoas entre profesionais do urbanismo, alcaldes e técnicos municipais de 55 concellos de Lugo, que coincidiron en valorar o esforzo da axencia para prestarlles o asesoramento e a cooperación que necesitan en materia de disciplina urbanística.
Entre as melloras nas que traballa a Aplu para ampliar as súas funcións, Cerdeira, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou a previsión de asumir tamén as competencias sobre as infraccións naquelas obras suxeitas a comunicación previa municipal e non só nas que requiran de licenza.
Na actualidade, segundo explicou, os convenios de delegación de funcións dos concellos adheridos tan só contemplan a intervención da Aplu cando a obra está sometida a licenza. Sen embargo, son as pequenas construcións, como muros de peche ou alpendres, as que xeran a gran maioría das infraccións nos concellos máis pequenos, precisamente os que máis necesitan do auxilio do organismo autonómico para poder exercer as súas competencias en materia de urbanismo. Neste sentido, a ampliación das competencias da Aplu responde a unha demanda dos propios concellos, que reclaman que esta poida asumir tamén a disciplina urbanística en todo tipo de obras e usos do solo.
Así mesmo, outra das novidades anunciadas no marco desta xornada é a axilización dos trámites administrativos relacionados cos recursos de reposición. Nestes momentos, as entidades locais adheridas teñen atribuída a competencia para resolver estes recursos. A proposta da Aplu é asumir esta competencia, previo informe de conformidade do concello, co fin de axilizar e facilitar a xestión deste tipo de procedementos administrativos.