O BNG–AA preguntará pola situación na que se atopa o desdobramento da Duquesa

O voceiro do BNG-AA no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou esta mañá que presentará unha serie de preguntas para coñecer cales son as previsións do goberno municipal de cara ao desdobramento da avenida Duquesa de Lugo, no tramo máis próximo ao polígono industrial do CEAO. “Fai un ano a alcaldesa de Lugo e o presidente da Deputación anunciaron o inminente comezo das obras e un ano despois non se fixo nada”, dixo Arroxo que sinalou que “todas as persoas que vivimos en Lugo estamos fartos dos anuncios que fai o PSOE e que se converten en non facer nada”. 

Rubén Arroxo lembrou que no orzamento do ano 2016 estivo prevista unha partida de 650.000 € para o desdobramento e humanización desta avenida, ademais contemplábase a creación dun carril bici e beirarrúas en zonas de perigo para os peóns. O BNG levará este tema á vindeira comisión de infraestruturas para que o goberno explique cales son as razóns que levaron á paralización desta obra tan necesaria para desconxestionar o tráfico entre a cidade e o polígono industrial do CEAO. 

Para o nacionalista, trátase dunha obra necesaria que, foi anunciada en diferentes ocasións, pero que non foi resolta por este goberno que “solo sabe vender fume”. O desdobramento da avenida Duquesa de Lugo é unha obra necesaria para desconxestionar un dos principais accesos da cidade á A-6 e á zona industrial de Lugo. As obras terían que ser asumidas pola propiedade dos terreos no momento en que se urbanizase a zona, pero “unha vez que o goberno toma a decisión, acertada, de actuar subsidiariamente nesta zona e se anuncia esta obra é preciso que se execute ou se explique cales son as causas do retraso” afirmou Arroxo e anunciou que “o BNG seguirá traballando para que esta obra necesaria se execute dunha vez”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com