Román Rodríguez destaca o compromiso da Xunta coa Ribeira Sacra

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou hoxe o compromiso firme do Goberno galego coa conservación, protección e mellora do patrimonio cultural da Ribeira Sacra, que se reflicte nos máis de catro millóns de euros que se levan investidos nos últimos anos nos 22 concellos que integran esta área de especial valor paisaxístico e patrimonial; aos que hai que engadir outros 1,7 millóns de obras que actualmente, ben se están acometendo, ou ben están en trámites administrativos previos á súa execución.

Segundo Román Rodríguez, estas realidades orzamentarias supoñen un “importante esforzo” por parte da Administración autonómica para protexer e conservar os bens culturais dunha zona concreta entre as provincias de Lugo e Ourense que “forma parte da nosa identidade común e da nosa riqueza como país”.

O conselleiro participou esta mañá nunha andaina cultural co fin de difundir as rutas do Camiño de Santiago de Inverno, de poñer en valor o patrimonio cultural dos concellos da Ribeira Sacra e de visibilizar as actuacións de conservación que se están levando a cabo nesta zona. Ademais de por veciños e alcaldes da zona, nesta andaina o conselleiro estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez; e por representantes da Asociación Camiños a Santiago coa súa presidenta Aida Menéndez á fronte; a quen aproveitou para agradecer o labor desta entidade a prol da recuperación e da divulgación desta ruta do lado lugués da Ribeira Sacra.

A ruta, coñecida como Codos de Belesar, partiu da igrexa románica de Diomondi (O Saviñao) e rematou no pobo de Belesar. O percorrido, de 2,3 quilómetros, discorre por unha antiga calzada romana no medio dun bosque de carballos e pasa tamén por socalcos de viñedos ata chegar ao pé da ponte de Belesar, que cruza o río Miño.

Este percorrido dá boa conta da riqueza patrimonial, cultural e paisaxística da Ribeira Sacra, cuxos valores fan que esta zona xeográfica entre as provincias de Lugo e Ourense reúna os requisitos de carácter excepcional e sobranceiro para ser recoñecida Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de Paisaxe Cultural, paso previo e necesario para optar á súa inclusión na Lista Indicativa do Patrimonio Mundial da UNESCO.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com