Un mozo resultou ferido esta mañá nunha leira en Paradela ao quedar atrapado polas pernas nun motocultor que manexaba. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o varón tivo que ser excarcerado polos Bombeiros de Sarria.
Os feitos ocorreron no lugar da Carretería, á altura do número 2. Debido á gravidade das feridas do mozo, o 061-Urxencias Sanitarias mobilizou ata o lugar do accidente ao helicóptero medicalizado con base en Ourense.
Un particular contactaba co 112 Galicia ás 11:20 horas para dar conta do ocorrido. Decontado, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasábase o aviso ao persoal sanitario, aos Bombeiros de Sarria e á Garda Civil.
Finalmente, o mozo foi trasladado na aeronave a un centro hospitalario.