O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado da xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Maria del Carmen Gueimunde, visitaron esta mañá as instalacións do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, centro de titularidade autonómica, emprazado na ronda Músico Xosé Castiñeira da capital lucense, onde máis de 250 alumnos reciben formación regrada.
O Goberno galego destina cada ano, para o sostemento deste centro, máis de 820.000 euros -sumados os gastos de funcionamento e de persoal- nunhas instalación nas que traballan 19 docentes, máis os persoal administrativo, subalterno e de limpeza. A administración autonómica sufraga tamén as distintas subministracións de material, auga, luz, teléfono e calefacción.
Balseiro salientou que o Conservatorio de Danza é unha infraestrutura cultural de primeira magnitude, sostida con fondos autonómicos e que ten como finalidade proporcionar ás súas alumnas e alumnos unha formación artística de calidade para a súa incorporación no ámbito profesional da danza.
No presente curso académico 2017-2018, a formación regrada acolle 217 matriculacións e 40 alumnos máis están inscritos nos cursos de preparatorio. O centro oferta tres especialidades: elemental, danza clásica e danza contemporánea, con 106, 49 e 62 alumnos respectivamente, distribuídos nos distintos niveis.
O alumnado cursa 17 materias: danza clásica, danza carácter, música, danza contemporánea, danza española, acondicionamento físico, improvisación, danza carácter, repertorio, pantomima, nutrición, paso a dos, anatomía aplicada á danza, historia, coreografía e didáctica.
Balseiro dixo, a modo de conclusión, que a Xunta seguirá apostando por este centro co obxecto de ofrecer a mellor calidade de ensino e garantir a cualificación dos futuros profesionais deste sector artístico. Mostra do enorme potencial do centro está en que foi berce formativo de Raul Ferreira, primeiro bailarín español do Ballet do Teatro Mariinsky de San Petersburgo.