O Grupo Municipal do Partido Popular criticou hoxe o mal estado das zonas verdes e a suciedade do polígono industrial de As Gándaras. O concelleiro popular Antonio Ameijide afirma que “salta á vista que as zonas verdes e o mantemento das dotacións como o parque infantil e o biosaudable que hai nesta zona industrial non reúnen as condicións desexables” salientando que “este abandono total é a consecuencia do mantemento cero por parte do goberno municipal”.
Ameijide explicou que o concello xestiona as zonas verdes dende o 17 de decembro de 2013 afirmando que non é de recibo que “como consecuencia da desidia do goberno socialista se estean deteriorando todas estas zonas e instalacións comúns que pagamos todos os lucenses”. Os populares apuntan que a situación actual desta área industrial presenta unha imaxe moi diferente á idea orixinal que era “a de crear unha zona industrial moderna onde se presumía de amplas zonas verdes e parques infantís e biosaudable para presentar un polígono de primeira”.
Os populares fanse eco deste xeito das queixas veciñais e recordan a Orozco que se aplique a mesma vara de medir que el empregou cando o en xuño de 2011 reclamou á Xunta que subsane as deficiencias que presentaban as zonas verdes. “Cando se trata doutras administracións son obrigas pero cando corresponde a Orozco baixa o nivel de esixencia ata non facer nada” indican os populares.
O popular detallou que “os arbustos e árbores que medran nos parterres non aparecen dun día para outro” matizando que “os sendeiros peonís que se fixeron ahora están prácticamente borrados ao cubrirse de maleza”.
Ameijide tamén alertou da aparición de vertedoiros incontrolados en varios puntos do polígono e do mal estado no que se encontran algunhas das súas beirarrúas cubertas de terra e grava. Na lista de tarefas de mantemento pendentes de acometer por parte do goberno local os populares explican que é necesario revisar as tapas das arquetas xa que “desapareceron algunhas delas e supoñen un risco tanto para os veciños que pasean por esta zona como para os conductores”.
Ameijide critica que “o goberno local en vez de repoñer as tapas desaparecidas opta por tirar vallas de obra para evitar caídas que deixan alí eternamente”.
Para os populares “é unha mágoa que logo de facer un forte investimento para montar un parque biosaudable e outro parque infantil se deixe deteriorar sendo na actualidade pouco seguro para os usuarios”.
Dende o Grupo Popular insisten en que un dos males endémicos deste goberno local é aprazar as tarefas de mantemento e deste xeito co paso do tempo supoñen un custe moito máis elevado que si se fóran realizando de forma periodica.