O Grupo Provincial do PP acadou no Pleno da Deputación celebrado hoxe que dende a administración lucense se dea un novo paso cara adiante para seguir a mellorar na calidade e na atención que se presta aos usuarios do Servizo de Teleasistencia. Deste xeito, a Corporación provincial aprobou por unanimidade a iniciativa presentada polo Grupo Popular para que a Deputación actualice e reforce o Servizo de Teleasistencia Domiciliaria dotándoo de medidas
complementarias como dispositivos móbiles ou xeolocalizadores de persoas.
Na súa iniciativa plenaria, os populares tamén logran o acordo da Deputación de Lugo para que, en colaboración coa Xunta de Galicia e as corporacións locais da provincia de Lugo, se cree un grupo de traballo para coordinar a prestación deste servizo de xeito integral e particularmente, tendo en conta a implementación das medidas complementarias xa citadas, xa que a “coordinación é importante para mellorar o aproveitamento dos recursos”.
A deputada popular, Mari Teijeiro, explicou que na actualidade o Servizo de Teleasistencia presta unha atención integral, pero limitada no marco domiciliario aínda que as súas posibilidades son maiores, de feito, segundo engaden dende o Grupo Popular, algunhas administracións están a facer uso de modalidades complementarias como dispositivos móbiles ou de localización GPS de persoas “que melloran a rendibilidade do servizo e favorecen a seguridade e tranquilidade dos seus usuarios”.
Estas modalidades complementarias á prestación integral que ofrece na actualidade o Servizo de Teleasistencia da Deputación de Lugo permitirían lanzar unha sinal de alarma estando o usuario fóra do domicilio ou contar cun dispositivo xeolocalizador que permitiría coñecer o emprazamento da persoa cando fose preciso por razóns de seguridade ou emerxencia. Estes sistemas de localización, que poderían colocarse ben no corpo, a través dunha pulseira, ou ben na roupa, “posibilitan darlle unha maior tranquilidade ás familias, ademais de que se garantiría que os maiores puidesen continuar residindo nos seus propios domicilios”, defendeu Mari Teijeiro.