Afundación, a Obra Social de ABANCA, continúa desenvolvendo a súa programación de obradoiros de artesanía tradicional na súa sede de Lugo (praza Maior, 16) con motivo da celebración do Ano Europeo do Patrimonio Cultural. Así, mañá sábado 3 de marzo, impartirase a partir das 17.00 h un obradoiro de cestería dirixido por Carmen Fieiras. É unha artesá lucense que atesoura máis de 15 anos de experiencia impartindo este tipo de talleres a público tanto adulto como infantil.
Fieiras domina a técnica tradicional da cestería con vimbio, pero tamén experimenta e innova tinguindo outros materiais como medula de rotén para crear pezas de gran atractivo visual. O feito de pertencer a unha xeración de artesáns novos demostra que este oficio e as súas múltiples revisións aínda teñen moita vida por diante.
O último obradoiro de cestería será o vindeiro sábado 7 de abril. Tamén se celebrarán obradoiros de olería e torno cerámico os días 17 de marzo e 21 de abril, todos eles de 17.00 a 20.00 h. Están dirixidos a todo tipo de público, tanto familiar como infantil e adulto. Non é necesario a inscrición previa e a entrada e saída dos mesmos será libre, permanecendo na actividade o tempo que cada asistente considere necesario dentro do horario previsto.