Muralla Lugo Muralla Lugo

Ace-Eu considera un “atentado estético” o granito sustituto dos adoquins da Ronda

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida cre que non se tiveron en conta os obrigados criterios estéticos relacionados coa protección patrimonial do conxunto monumental do casco histórico na selección de planchas de granito gris para sustituir o adoquinado da Ronda da Muralla. “Existen infinidade de materiais cómodos e seguros para os viandantes e a un tempo acordes e respetuosos cos valores patrimoniais e históricos da Muralla de Lugo, non ten sentido escoller un pavimento que non casa coa cor e materiais dun monumento Patrimonio da Humanidade. Esta obra é un atentado estético en toda regra”, asevera Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.

Este grupo preguntará na vindeira Comisión de Infraestruturas polos criterios empregados para escoller as planchas de granito como material de pavimentación e se existe algún informe técnico onde se tomen en consideración os aspectos visuais e ornamentais relacionados coa protección patrimonial. Ademais,  ACE-EU preguntará pola cantidade económica na que está valorado o adoquinado retirado e por cal será o destino do mesmo, para saber se se contemplaron posibilidades para a súa reutilización. “As actuacións improvisadas do goberno local están lonxe de responder a un urbanismo racional e sostible, e acaban sempre supoñendo un menoscabo para as arcas municipais  e para a contorna pública”.

Nese sentido, ACE-EU critica que o goberno siga actuando seguindo a “política de bandazos e parches”. “A estas alturas, cando se ten claro que o obxectivo final é cambiar o modelo de mobilidade e camiñar cara a peonalización, debería estarse traballando nun proxecto integral para a Ronda da Muralla, que respondese a ese obxectivo. Non ten sentido gastar tempo e recursos en encadenar obras improvisadas que en pouco tempo deberán rectificarse con outras”, remata Portomeñe.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com