O BNG levará unha proposta ao pleno do concello a petición de solucións para a praza de Conde Fontao. Para o BNG-Asambleas Abertas está praza, situada fronte á estación do ferrocarril, é un dos puntos da cidade que ten unha máis deficiente ordenación do tráfico ademais dos problemas estéticos e de limpeza da zona. Arroxo lembrou que estas obras terían que ser financiadas pola Xunta dentro do Plan Paradai “pero sabemos que PP e PSOE acordaron paralizar este plan de obras e agora enganan aos lucenses, outra vez, con ese conto da intermodal que levan 15 anos relatando”.
O voceiro do BNG-Asambleas Abertas sinalou unha serie de deficiencias que compre correxir o antes posible nesta praza que é a porta de entrada para moitas persoas que chegan a Lugo por estrada o ferrocarril. Ademais, Arroxo, referiuse ao transito de vehículos nesta praza e lembrou que “existe unha falsa rotonda na que non se sabe quen ten preferencia e un paso de peóns sobre esa falsa rotonda”. Arroxo dixo que é necesario incrementar a seguridade para a circulación de vehículos e persoas.
Rubén Arroxo pediu que se adecenten as beirarrúas na praza Conde de Fontao, en fronte da estación do ferrocarril. Ademais os nacionalistas tamén pedirán que se controlen os predios que permanecen abertos e que provocan a invasión da beirarrúa pola vexetación expontánea “o concello debe unha solución aos solares que acumulan lixo e maleza e que deben ser limpados polos seus propietarios”, dixo Arroxo.
Para o BNG-AA “non se pode manter nese estado a beirarrúa no estado actual nin esperar por outras obras maiores”. O concello debe de arranxar esta beirrúa por que “o estado das beirarrúas e a invasión de vexetación procedente de edificios ruinosos e predios baleiros supoñen un perigo para as persoas que transitan pola zona”. “Ademais o mal estado no que se atopa esta zona é a primeira imaxe que reciben de Lugo todas as persoas”, afirmou Rubén Arroxo.
Os nacionalistas apuntaron a posibilidade de que o goberno municipal acorde, co propietario dos terreos baleiro que está, fronte a estación do ferrocarril, un uso social que podería ser de aparcadoiro público gratuito ou algún tipo de instalación de ocio infantil.