Mondoñedo recibe o certificado de Concello Emprendedor

O Concello de Mondoñedo vén de ser distinguido pola Xunta de Galicia e a FEGAMP como “Concello Emprendedor”.
Ambas as institucións xa remitiron dita certificación á entidade local, que se enmarca no convenio de colaboración impulsado pola administración autonómica e a Federación Galega de Municipios e Provincias para fomentar a
implantación e fixación de empresas na Comunidade.

A alcaldesa da localidade, Elena Candia, non dubida en amosar a súa satisfacción por este recoñecemento, que dá continuidade, sinala, ao traballo iniciado hai meses para impulsar socio economicamente o municipio. E é que
“ser un Concello Emprendedor significa que somos un reclamo para o investimento”, afirma.

Aprobación de ordenanzas en novembro
Precisamente, e no marco deste convenio de colaboración e do obxectivo do equipo de Goberno de establecer actuacións que incentiven o emprego e o crecemento económico local, no mes de novembro, a entidade local aprobou en Pleno a modificación de ordenanzas do IBI, IAE e ICIO para ser Concello doing business; outras das opcións que ofrece este acordo e que é necesaria para recibir esta distinción.
Deste xeito, a entidade local mariñá quixo sumarse a esta plataforma impulsada pola Consellería de Emprego, Economía e Industria, que ten como principal liña de actuación a redución de cargas administrativas para as empresas
(http://ceei.xunta.gal/doingbusiness).
O proxecto, ao detalle
Ao ser Concello Doing Business, Mondoñedo pode beneficiarse das medidas que a Xunta poña en marcha para apoiar o tecido empresarial, é dicir, daquelas axudas autonómicas destinadas a impulsar a industria, o emprego ou o
emprendemento.
Entre os incentivos que ofrece este proxecto están a bonificación de ata o 95% (ata o 95% de bonificación cando se creen máis de 20 postos de traballo; como mínimo o 75% cando sexan entre 11 e 20 empregos; e como mínimo do 50%
pola creación de ata 10 empregos) no IBI, IAE e ICIO a aqueles proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes, sempre e cando garantan a creación de emprego.
Tampouco esixen taxa por licenza de obra e apertura en todos os proxectos que impliquen nova implantación ou ampliación de empresas xa existentes, que leven consigo a creación de novos postos de traballo e o seu código CNAE
corresponda con algunha actividade económica incluída no eido da Industria 4.0 e a RIS3.
Asemade, a concesión das licenzas de obra maior terá un prazo máximo de 30 días naturais desde que o Concello dispón de todos os informes.

Rebaixa do prezo no polígono
Con respecto ao solo empresarial, fíxanse prezos competitivos, establecendo bonificacións e incorporando á súa oferta o dereito de superficie. A este respecto, segundo avanza a rexedora, “xa xestionamos con SEA unha rebaixa no
prezo da adquisición do metro cadrado das parcelas do noso polígono”, ao tempo que explica que o Concello está estudando habilitar incluso máis axudas a nivel local.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com