O Presidente do Executivo Provincial, Darío Campos Conde, avanzou este mediodía que “a Xunta de Goberno vén de aprobar a renovación dos contratos de patrocinio co CD Lugo e o CB Breogán, cun marcado carácter social e turístico, e demostrando unha vez máis que somos a administración que máis aposta polo deporte na provincia”.
Deste xeito, o Executivo puxo en marcha o proceso de contratación dos patrocinios, por un importe máximo de 740.000 euros, entre a institución e o Club Deportivo Lugo e Club de Baloncesto Breogán, as dúas entidades deportivas con maior
peso social e repercusión mediática na provincia de Lugo. Por primeira vez, o Goberno da Deputación decidiu equiparar a contía das achegas para os dous clubs, correspondéndolle a cada entidade 370.000 euros. O contrato con ambas entidades terá unha duración dun ano, ata o 31 de decembro, comprendendo dúas temporadas deportivas: a 2017-2018 e a 2018-2019.
Campos Conde subliñou que “empregamos de novo a fórmula de colaboración, totalmente pioneira, que arrancamos fai dous anos, e coa que tamén buscamos o maior beneficio para o conxunto da nosa provincia e de todos os lucenses. A través dos contratos de patrocinio ambos clubs comprométense a participar activamente en actuacións sociais como visitas a hospitais, campañas contra a violencia de xénero ou loita contra o cancro, partidos benéficos ou encontros mixtos para promover a igualdade a través do deporte. Por outra banda, os contratos tamén teñen contraprestacións para a provincia en materia de turismo, pois promoverase a marca Lugo ao longo do territorio nacional e daranse a coñecer os recursos turísticos, culturais, naturais, patrimoniais, e produtos autóctonos de todas as comarcas lucenses. Un terceiro aspecto a destacar é a promoción do deporte base lucense. Hai que ter en conta que o Lugo conta con máis de 300 xogadores nas súas categorías inferiores, mentres que a canteira do Breogán, vinculada ao CB Estudiantes, está composta por preto de 500 rapazas e rapaces”.
O Goberno da Deputación busca con esta fórmula que o apoio económico que presta aos principais clubs da provincia redunde en beneficio de todos os lucenses a través de diferentes accións de carácter social que se contemplan nos contratos. Así, o patrocinio asinado co Breogán para a tempada 2016-2017 supuxo a realización de 21 visitas a centros de ensino, asociacións deportivas e culturais, así como entidades sen ánimo de lucro de toda a provincia de Lugo coa presenza de xogadores e técnicos, e onde se repartiron ata 15.000 entradas para os encontros do club celeste.
Leváronse a cabo 6 visitas a hospitais e centros de saúde de toda a provincia de Lugo, entre os que se atopan o Hula, Cogami, Centro de Maiores de Abeiro, Centro de Recuperación de ALUCEM, Párkinson de Lugo ou ASPNAIS, co obxecto de animar e dar forza ás persoas enfermas ou con algún tipo de doenza.
Por outra banda, cada partido que o Breogán disputou como local no Pazo Provincial dos Deportes dedicouse a visibilizar e dar a coñecer o traballo de asociacións sen ánimo de lucro da provincia como Somos Unidos Contra o Cancro, Protectora de Animais de Lugo, Asociación de Párkinson, ALUCEM, ASPNAIS, Cáritas, UNICEF, ASORLU, ou o Banco de Alimentos entre outros. Tamén se celebraron días solidarios a modo de concienciación sobre diferentes temáticas como a Doazón de Sangue, o Día Mundial contra o Cancro, Día Contra a Violencia de Xénero, etcétera.
Así mesmo, organizáronse cinco charlas sobre temas relacionados cos hábitos de vida saudables, a práctica da actividade físico-deportiva e o baloncesto como elemento de inclusión social, con entrada totalmente de balde para todos os lucenses.
Ademais da participación en actividades de carácter social, o contrato de patrocinio asinado entre a Deputación e os dous clubs lucenses incide no seu papel como embaixadores da provincia, levando o nome de Lugo e todas as súas potencialidades ao longo do territorio nacional e, deste xeito, contribuíndo a dinamizar a economía da provincia a través do turismo. Neste punto, cómpre subliñar que no streaming dos partidos do Breogán emitiranse spots promocionais da provincia; e tamén a web do club e as súas redes sociais (Twitter, Instagram ou Facebook) serán canles de promoción dos recursos de Lugo.
Así mesmo, durante os partidos do CD Lugo no Anxo Carro emitiranse vídeos promocionais de todas as comarcas lucenses, dando a coñecer os nosos recursos turísticos, culturais, naturais, patrimoniais, e produtos autóctonos.
O terceiro piar dos contratos de patrocinio é o impulso do deporte base. Neste senso, a entidade provincial promoveu a sinatura de convenios entre o CD Lugo e outros trece clubs de fútbol da provincia. Os acordos contemplan a colaboración activa na formación dos adestradores e a cesión de medios técnicos e materiais deportivos permitindo que diferentes clubs da provincia unan sinerxías en torno ao equipo de fútbol referencia da provincia e, deste xeito, poidan crecer da man, fomentando o deporte base lucense.