A Xunta apoia en Lugo a investigación en biomedicina veterinaria

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitaron hoxe o Centro de Biomedicina e Veterinaria (Cebiovet) e o Hospital Veterinario Universitario Rof Codina.

A primeira das instalacións é un espazo de investigación animal promovido pola Fundación Rof Codina e cofinanciado con Fondos FEDER, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Concello e a Deputación de Lugo. O Hospital Veterinario é un centro de referencia a nivel europeo, dependente da Universidade de Santiago. Deste xeito, os representantes da Administración autonómica coñeceron de primeira man o labor de investigación que se leva a cabo, así como a docencia especializada mediante o emprego da experimentación animal das especies canina, felina, ovina, caprina, porcina e bovina. Na visita puxéronse en valor os proxectos de investigación que se están a desenvolver no ámbito da sanidade animal, en colaboración con empresas, centros de investigación e universidades de toda España, unha iniciativa que conta cun investimento de máis de 185.000 euros.

O traballo que se realiza nestes centros está en sintonía coa Estratexia de apoio á biotecnoloxía de Galicia, un sector identificado como estratéxico pola Xunta que desenvolve un rol de panca de competitividade para moitos outros eidos que teñen un gran peso na economía galega, como son, por exemplo, a agricultura e a gandaría.

A planificación que executa a Administración autonómica desde 2016 foi consensuada co tecido empresarial, as universidades, os centros tecnolóxicos e demais axentes do sector en Galicia. A través desta folla de ruta, investíronse xa 25 millóns de euros en diversas actuacións que conseguiron mobilizar 52 millóns de euros entre as que destacan o apoio á contratación de persoal para desenvolver tarefas de I+D+i; o apoio á transferencia de coñecemento dos centros de investigación á industria; a posta en marcha da primeira incubadora de proxectos no ámbito do descubrimento temperán de novos fármacos en España; o apoio ao emprendemento innovador; así como diversas actuacións de dinamización do sector en colaboración co Cluster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com