Ata a “mismísima”

Hai días recibín un correo que me pareceu imposible, porque a forza galeguista por excelencia, a que conserva todas as esencias dos vellos nacionalistas galegos utilizaba unha linguaxe demasiado clara para unha mensaxe que todos entendemos moi ben.

Os que temos mulleres na casa sabemos moi ben o papel que xogan na sociedade, na familia, en Galicia, e máis no mundo. Por iso me sorprendeu cando o Bng, na súa mensaxe do Dia da Muller Traballadora, fala do “máis grande que temos en Galicia” moi á lixeira.

Eu, que estou totalmente de acordo na igualdade, que coido que as mulleres e os homes somos iguais diante da sociedade e de cada un de nós mesmos, teño dito ben veces moi claro que considero á metade feminina máis forte, mellor, ca a metade masculina.

É mellor a muller – iso do sexo débil, non sei quen o acreditou pero non sabía o que dicía- porque desde que nace o ten máis difícil, e sen embargo lévanos sempre a dianteira. A muller faise muller antes ca nós homes. Teno todo máis difícil e vai conquistando minuto a minuto, década a década, o seu lugar de preponderancia social. Conquista a Universidade, a Xustiza, a Administración, a Educación… Faise imprescindible na familia, e cando se queda soa é quen de levar adiante unha familia e de construir mulleres e homes de futuro co mesmo poderío que cando ten un home ao lado.

Pois non me gusta que se diga que “o máis grande que temos en Galicia está ata a cona”. A riquísima lingua que posuimos ten milleiros de posibilidades de dicir verdades sen molestar, sen vulgaridades, sen baixar de nivel. Como sería, que ata a historia viva do Bng que se chama Pilar García Negro confesa “non entender nada”, e que o seu mundo “é distinto a ese”.

Eu entendo que cada muller é un mundo, e cada mundo ten que buscar medios e solucións de futuro, teña preocupacións e fartazgos que lle cheguen ata niveis preocupantes, pero mal está a cousa cando un partido de referencia entre os galegos que aspira a unha Galicia máis grande teña que baixarse a palabras que resultan groseiras quizais por referirse a partes do corpo parellas ás que os homes temos utilizado ata o infinito para simbolizar sentimentos e poderío.

Se o Bng pensaba marcar un gol  ao machismo co lema deste ano, o árbitro ven de pitarlle fóra de xogo. E o árbitro pode chamarse Pilar García Negro, o que para o Bng e moi grave, pero é moito peor se ese árbitro o conforma o conxunto do pobo galego, nacionalista ou non, ao que esa afirmación –que en esencia podemos compartir- repugna por desentonar co habitual sentidiño que preside todas as nosas accións.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com