A Consellería de Infraestruturas e Vivenda licita hoxe no Diario Oficial de Galicia a obra de reforzo do firme da estrada autonómica LU-642, que une a localidade de Oural en Sarria e o municipio do Incio.
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, acompañado das alcaldesas e concelleiros destas localidades e de técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), explicou os pormenores dun proxecto para o que a administración autonómica reserva preto de 614.000 euros.
Balseiro dixo que a obra ten por obxecto a mellora da seguridade viaria e as condicións de circulación do tráfico rodado nun total de 8,3 quilómetros, en concreto entre os dende o punto quilométrico 0+000 ao 8+300.
Os traballos consisten na reparación, regularización e selado do firme existente (que na actualidade é de macádam con dobre rega) e, unha vez rematada esta actuación previa, estenderase mestura bituminosa en quente como nova capa de rodaxe.
A actuación inclúe tamén as correspondentes tarefas de renovación e reposición da sinalización horizontal e vertical, novo balizamento e defensas, así como a construción de gabias remontables en varios puntos.
Balseiro explicou que estes traballos non esixen a realización de ningunha expropiación, xa que todas as actuacións que se executan están incluídas dentro da franxa de Dominio Público e avanzou que o prazo previsto de execución das obras (unha vez sexan adxudicadas) será de seis meses.
Cómpre lembrar que a administración autonómica xa actuou o ano pasado noutro tramo desta mesma estrada, en concreto entre as localidades de O Hospital e A Ferrería, ás que destinou un total de 136.000 euros. En anos anteriores a Xunta tamén executou a mellora noutro tramo no seu enlace coa LU-641 para o que se destinaron 185.000 euros. A obra proxectada completaría a mellora integral desta vía pola que transitan habitualmente os veciños de Sarria e do Incio, como vía de comunicación interior.