A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, vén de presentar en rolda de prensa o anteproxecto da pasarela que unirá o Anxo Carro coa estrada de Ombreiro, pasando por riba da Nacional VI. Para a rexedora, este novo itinenario que podería estar listo o ano que vén, nace coa intención de dar resposta aos centos de seareiros do Club Deportivo Lugo que acoden ao campo cada quince días. Deste xeito permitirá reducir a dependencia do vehículo para achegarse dende o centro á zona do rio.
O orzamento deste proxecto, enmarcado dentro da estratexia EDUSI, Muramiñae, da Muralla ao Miño, é de 885.700 euros, financiados ao 80% por Fondos Europeos de Desarrollo Rexional (FEDER). As obras proxectadas consisten na execución dun paso superior peonil sobre a N-VI de xeito que se reforce a permeabilidade transversal entre o casco histórico e unha das zonas máis deportivas, así como á zona de congresos da cidade.
Esta pasarela terá un dos seus estribos na isleta do enlace da N-VI co acceso ao complexo deportivo e ao campo de fútbol, sendo este o único espazo posible de desembarco. O outro dos estribos localizarase na zona máis próxima posible á zona do aparcadoiro do Pazo de Feiras.
Será unha pasarela de arco metálico rebaixado, que se considera a máis adecuada debido á súa luz libre de 45 metros, apoiada en dous estribos de formigón, circulares de 2 metros de diámetro, que á súa vez serven de apoio ás ramplas de acceso, tamén metálicas e con trazado en espiral. “Un dos elementos máis singulares deste proxecto da pasarela é que se materializa en torno a dúas vigas dóricas laterais, moi acaídas, por certo, nunha cidade de pasado romano. Colocarase tamén unha varanda e pavimento de resina antideslizante”, explicou a Alcaldesa.
O acceso norte terá lugar dende o actual paso de peóns sobre o ramal de enlace coa N-VI. Débese acondicionar un camiño peonil que discorra entre os ramais do enlace dirección Madrid-Lugo e Lugo-A Coruña, de xeito que se comunique o paso de peóns coa isleta na que se ubican as rampas de acceso.
Ademais, e co fin de manter un ancho mínimo de 2 metros de paso libre, débese desprazar o carril Madrid-Lugo lixeiramente cara o exterior, pois o espazo libre existente actual é de un metro. A zona peonil entre os carrís de enlace protexerase mediante barreiras de protección ríxidas.
O acceso sur non plantexa ningún inconvinte xa que se comunica a rampla cos itinerarios peonís internos do aparcadoiro do campo de fútbol. Para elo, ocúpase unha pequena franxa de zona verde do aparcadoiro e unha franxa do propio aparcamento, ocupando 2 prazas. Deste xeito, xérase un pequeno itinerario peonil en superficie para enlazar coas vías de peóns xa existentes.