O Goberno da Deputación aprobou esta mañá destinar 300.000 euros de remanentes do Plan Único 2017 á realización de máis obras nos Concellos. Así o informou o Presidente, Darío Campos Conde, este venres logo de aprobar na Xunta de Goberno a reinversión de 150.000 euros de remanentes ao Concello de Lugo, tal e como solicitou a Alcaldesa, Lara Méndez López.
Campos Conde explicou que este orzamento súmase a outros 150.00 euros xa aprobados en sesións anteriores, o que supoñen un total de 300.000 euros. Grazas á aprobación destes fondos, poderanse realizar 14 novas obras, que se engaden ás 246 xa contempladas no Plan Único, facendo un total de 266 actuacións. Trátase dunha cifra que previsiblemente irá aumentando conforme se adxudiquen o 100% dos traballos.
“Como vedes dende o Goberno seguimos a traballar para converter á Deputación na administración que máis inviste en obra pública na provincia, tanto de xeito directo, como a través dos propios Concellos. Somos a institución sobre a que descansa un dos piares fundamentais da economía da provincia, como é o da construción que é un dos motores de xeración de emprego máis importantes para a provincia”, apuntou Campos Conde.
O titular provincial lembrou que no 2017, a Deputación investiu máis de 30 millóns de euros para realizar actuacións en obra pública das que son preto de 20 millóns licitados, aos que hai que engadir os 13 millóns do Plan Único que contratan os municipios, pero que son fondos provinciais. Pola conta, a Xunta de Galicia que, a pesares de ter un orzamento 100 veces superior ao da Deputación, licitou 21,3 millóns de euros, case un 10 % menos que en 2016; e o Goberno Central 6.9 millóns, 124 menos que o ano anterior.
Listaxe de obras novas a executar: en Lugo, ampliación do saneamento nas Saamasas, pavimentación en república Argentina e pavimentación en Avenida de Garabolos; en Trabada, acondicionamento e rexeneración de vias municipais de A Órrea e A Cadeira; en Burela: reposición de pavimento e marcas en Rúa da Estación; en Becerreá, pavimentación en Feira Vella, camiños Veciñais en Armesto, mellora de eficiencia enerxética en alumeado nas rúas Valgamarín, Caldeiro e Campo do Pacio e instalación dun cazo de limpeza de oscilación; en Cervantes, cerramento do edificio de servizos múltiples en San Roman e pavimentación e accesos nos núcleos de castelo de frades, Rionaval e Airoá; en Pedrafita do Cebreiro, mellora e pavimentación de camiños en Zanfoga e en Viveiro, reforzo do firme en Camiño Real da Costa, no núcleo urbano de Celeiro.