Paulo Fabio Máximo foi o encargado de abrir a programación do Lvcvs Cvltvral MMXVIII, organizada polo Concello de Lugo en colaboración coas asociacións de recreación histórica do municipio, co obxectivo de quentar motores para o Arde Lvcvs, que terá lugar o 15, 16 e 17 de xuño. Ao redor dunhas 15 persoas participaron na primeira actividade desta programación, un paseo por Lugo a través da súa historia da mán de Paulo Fabio Máximo, que acompañado de dous lictores, fixeron unha parada na Domus do Mitreo e no Centro Arqueolóxico de San Roque, así como un pequeno recorrido pola Muralla.
Esta é unha das novidades do Arde Lvcvs Cvltvral, que se volverá a repetir os segundos sábados de mes de abril, maio e xuño. A saída é, en todos os casos, ás 17:00 horas, dende o Miliario da Praza Armañá.
Concello e Asociacións teñen preparadas medio centro de actividads de inspiración romana e castrexa ata xuño. As seguintes celebraranse a vindeira fin de semana. O sábado terá lugar o taller Mitoloxía nas túas mans, das 11:30 ás 13:30 horas e das 17:00 ás 19:00 horas, no Museo Arqueolóxico de San Roque, a cargo das Asamblearias de Lucus Augusti. O domingo será a quenda da Guardia Pretoriana, cun obradorio para fabricar espadas. Será das 17:00 ás 19:30 horas no MIHL. As actividades son abertas e de balde pero é preciso inscribirse no 010.