A portavoz de Lugonovo lamenta a escasa vontade do goberno á hora de fomentar a participación do resto da Corporación no Consello Local de Servizos Sociais.
Cristina Pérez Herráiz repróchalle ao executivo que, pese a solicitalo en anteriores xuntanzas, os grupos da oposición non teñan posibilidade de presentar propostas ou puntos de debate ao mesmo.
“No último encontro solicitamos, dende Lugonovo, que se nos advertira, con certo marxe de tempo, da súa convocatoria coa fin de poder trasladar, antes de pechar a orde do día, aquelas iniciativas que quixésemos promover. Unha petición máis – refire a voceira – que cae en saco roto e que fomenta que o Consello apenas teña outra función que a de dar conta, sucintamente, da actividade do departamento de Benestar”.
Neste senso, Pérez Herráiz afea á responsable desta concellería por tardar máis dun ano en convocar a primeira reunión da Mesa pola Dignidade. Un acordo plenario, impulsado por Lugonovo en decembro de 2016, que non se materializou até hai tres días e sobre o que, de momento, non transcendera información algunha pese as evidentes demandas que se detectan no municipio.
“Tratábase de crear un espazo de traballo que fose punto de encontro non só das entidades sociais, as únicas presentes nela, senón tamén de representantes de institucións como o Sergas, a Policía ou os Xulgados. Un ente que permitise facer primeiro, unha análise do escenario actual e que logo servira para impulsar a cooperación e coordinación de tódolos esforzos en materia asistencial coa fin de establecer cales deben ser as prioridades e para aproveitar, tamén, as sinerxías que permitan resolvelas”, explica Cristina Pérez Herráiz, apuntando a unha probable deturpación do sentido co que foi presentada a moción de Lugonovo.
A formación destaca o labor das distintas asociacións e organismos que operan, ao respecto, na localidade ofrecendo apoio integral ás persoas en risco de exclusión, que non teñen recursos nin fogar. Só Cruz Vermella atende ao ano ao redor de 300 casos, mentres que Cáritas ten máis de 6000 usuarios e o Banco de Alimentos proporciona sustento, a través de Aviva, a case 2000 familias da provincia.
Por outra banda, o Grupo Municipal anuncia, asemade, que presentará varias preguntas á vindeira Comisión da área para coñecer con detalle o número de axudas de emerxencia social tramitadas polo Concello dende o inicio do mandato, así como o orzamento investido e mesmo a posible incorporación ao servizo de recentes protocolos de actuación que respondan a aparición de novas necesidades entre a poboación.