O BNG – Asembleas Abertas lembroulle ao goberno municipal a proposta para que se inicie un programa de compostaxe nos centros escolares que contan con comedor. O obxectivo sería a incorporación de colectores de compostaxe nos centros escolares para reciclar a materia orgánica. Segundo Rubén Arroxo “no programa deberíase implicar no programa de compostaxe tanto ás ANPAS como ás empresas que, neste momento, xestionan so comedores e tamén aos propios centros escolares”.
Arroxo explicou que con esta iniciativa trataríase de involucrar aos centros educativos na redución de lixo que o concello ten que procesar, á vez que busca conseguir que “os nenos e nenas se sintan pioneiros dunha acción que cremos é fundamental para todo, non só desde o punto de vista económico, senón tamén ambiental”.
O voceiro do BNG – Asembleas Abertas declarou quee este sistema tamén incidirá na concienciación, a respecto da cantidade de comida qu se desperdicia nos comedores. Desde os comedores escolares, monitores e monitoras contribuirían ao labor de concienciación dos máis pequenos sobre a importancia de aproveitar a comida. Rubén Arroxo sinalou que moitos centros escolares de Lugo que teñen comedor tamén teñen hortos aos que se podería destinar o compost producido ou cedelo a particulares que teñen hortos nos arredores ou, incluso, para os hortos urbáns xestionados pola deputación ou o concello.