Promovido polo BNG e Galiza Nova, tivo lugar esta tarde, no Centro Social Uxío Novoneyra, un faladoiro feminista sobre As Mulleres no Mundo Laboral. No encontro participaron tres mulleres con grande traxectoria profesional como son Dalila Dopazo Blanco, Maxistrada no Xulgado do Social número 3; Marta Rodríguez Engroba, presidenta da asociación Si hai Saída e Raquel Grandio Montes, Orientadora Laboral de COGAMI.
Durante a xuntanza, as ponentes, expuxeron as problématicas laborais coas que se atopan nos seus diferentes ámbitos. A edil nacionalista, Maite Ferreiro, sinalou “quixemos ter, neste encontro, a mulleres que traballan con outras mulleres en ámbitos diferentes pero co nexo común de estar en situacións complicadas nas que a situación laboral xoga un papel fundamental”. A maxistrada Dalila Dopazo está a fronte dun xulgado no que se tramitan centos de demandas laborais e moitas delas afectan a mulleres.
Marta Rodríguez Engroba preside a Asociación Si Hai Saída que se encarga de acompañar e asesorar a mulleres vítimas de violencia de xénero, para as que as posibilidades de afastarse do maltratador depende, na maioría dos casos, da situación laboral na que se atopan. Raquel Grandio Montes, Orientadora Laboral de COGAMI contextualizou as dificultades coas que se atopan as persoas con discapacidades, especialmente as mulleres, á hora de acceder ao mercado laboral.
A edil Maite Ferreiro lembrou que este parladoiro forma parte dos encontros feministas que se veñen celebrando periodicamente dende que se iniciaron o 7 de marzo de 2017 e sinalou que “nos vindeiros meses temos previsto continuar con estes encontros feministas e contaremos coa presenza de mulleres que son referente en diferentes ámbitos sociais e profesionais”.
A edil do BNG-AA felicitou as todas as persoas que na xornada de onte se volcaron nas mobilizacións feministas e “especialmente a todas esas mulleres que saíron á rúa para facerse visibles e demostrar cal é o seu papel na sociedade”.