O voceiro do BNG-AA no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, felicitouse polo traballo feito no barrio da Tinería que motivou “un cambio de rumbo do goberno do PP na Xunta” que “en menos de medio ano pasou de querer vender a Tinería a apostar pola incorporación ao patrimonio público daqueles inmobles que non poden ser atendidos polos seus propietarios”. Para o BNG, “está claro que se trata dunha campaña mediatica da Xunta para tratar de lavar a cara do PP antes das eleccións municipais despois do desprezo que ven tendo con Lugo e coa Tinería durante moitos anos”.
Arroxo anunciou que o BNG pedirá que se asignen fondos para a rehabilitación de todos os edificios e terreos que son propiedade pública neste barrio de Lugo por que “ademais de mercar máis inmobles a Xunta terá que rehabilitar e manter os que xa son da súa propiedade”. “A xente está farta de propaganda pero dende o BNG imos seguir traballando para que se continúe o traballo que iniciamos cando estivemos no goberno galego”, afirmou Rubén Arroxo.
Rubén Arroxo lembrou como o 6 de outubro de 2017 o Delegado da Xunta “exercía de comercial” nun acto de portas abertas promovido dende a Xunta de Galicia e o IGVS para amosar os inmobles que o Goberno Galego pretendía poñer á venda “e nese mesmo acto o BNG pediulle a paralización desa venta”. “Agora asistimos a unha campaña mediatica anunciando que a Xunta compra casas, pero nada se sabe da restauración, por exemplo, do antigou hospital de peregrinos que está pegado á muralla, ou dunha solución para as excavacións arqueolóxicas dos fornos”, concluiu o voceiro do BNG.