En Marea insta á Xunta a esixir a Fomento a mellora integral do firme da N-540

O grupo de En Marea rexistrou no Parlamento unha iniciativa para que a Xunta de Galicia se dirixa a Fomento para esixir unha mellora integral do estado do firme da N-540, así como a remodelación da súa sinalización para mellorar a seguridade viaria no conxunto da vía. Pídese ademais a urxente reforma e rehabilitación desta estrada nos tramos de Guntín e Ventas de Narón e entre Chantada e Taboada tal e como acordou a Comisión de seguridade vial do Congreso dos Deputados, así como a reforma e rehabilitación entre A Barrela e Chantada.

Sen ter en conta o sobre custo que supón para os usuarios circular por estradas en mal estado, xa que supón un deterioro maior dos vehículos que por elas transitan, para o grupo parlamentario de En Marea “é necesario reformular esta situación para evitar riscos e sobre custos innecesarios: investir en conservación e aforrar a longo prazo”.

“Na provincia de Lugo existen numerosos exemplos desta falta de mantemento das estradas estatais. Un deles é o lamentable estado da N-540, que une Lugo con Ourense”, destacaron os deputados de En Marea. Trátase “dun trazado complexo que non ten recibido apenas investimentos públicos nos últimos anos. En numerosos puntos, a estrada presenta un asfaltado totalmente deteriorado, mesmo nos carrís de incorporación e saída, así como falta de sinalización, sendo unha vía moi transitada, tanto por vehículos convencionais como por camións”.

Cabe lembrar que o 22 de xuño de 2017, a Comisión de Seguridade Vial do Congreso aprobou unha proposición non de lei de En Marea para que o Ministerio de Fomento efectuase actuacións de reforma e rehabilitación na N-540 este ano nos tramos situados entre Guntín e Vendas de Narón, e no tramo que vai entre Chantada e Taboada, que “a día de hoxe están sen realizar”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com