A Deputación promove mañá un simposio sobre enerxía e clima

O Goberno da Deputación promove mañá unha xornada sobre enerxía e clima aberta ao público e totalmente de balde, enmarcada na iniciativa global A Hora do Planeta, que se celebra mundialmente o último sábado de marzo de cada ano e consiste nun apagamento eléctrico voluntario durante unha hora ao que tamén se suma a Deputación.

A xornada terá lugar en horario de mañá e tarde e reunirá reputados expertos no estudo do cambio climático, a contaminación atmosférica e lumínica, así como o aforro enerxético.

Deste xeito, entre os poñentes atópanse: Pablo Ramil, director do IBADER e experto do panel científico galego contra o cambio climático; Ramón Varela Díaz, experto en contaminación atmosférica; Xoán Doldán, da USC; Adrián Dios Vicente, da USC; Pablo Álvarez Fernández, da Cooperativa Nosa Enerxía; e Fins Eirexas, de ADEGA. Como clausura para a xornada haberá un roteiro vespertino urbano pola cidade de Lugo para avaliar a contaminación lumínica e a problemática da iluminación exterior.

A xornada arrancará ás 10.30 horas e se alargará ata as 20.00 horas cando dará comezo un roteiro vespertino pola cidade para avaliar a contaminación lumínica e a problemática da iluminación exterior.

Paralelamente, continúa aberta ata o vindeiro sábado 24 de marzo, a exposición sobre o cambio climático e a enerxía, organizada polo Goberno da Deputación coa colaboración de ADEGA composta por 13 paneis. Esta exposición nace do Proxecto Europeo de Acción Educativa polo Clima, Clarity, para contribuír ao coñecemento do fenómeno do cambio climático, as súas causas e as respostas que se poden artellar para facerlle fronte, tanto por parte das institucións e das empresas, como pola da cidadanía. Nos paneis repásanse as causas e consecuencias do cambio climático, e como este fenómeno afecta aos ecosistemas e á sociedade. Unha parte importante da mostra traballa as accións e actitudes positivas que debe emprender a cidadanía para mitigar os efectos do quecemento global, e como tamén os Gobernos, Concellos e ONGs poden contribuír.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com