O voceiro do Grupo Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide denunciou “o incumprimento sistemático” da alcaldesa de Lugo da Lei de prevención de riscos laborais afirmando que “a flagrante falta de planificación e organización dos recursos humanos, así como, a falta de persoal e a sobrecarga de traballo en departamentos que os socialistas desmantelaron están provocando altercados constantes, estrés, desmotivación e baixas continuadas no cadro de persoal municipal”.
O voceiro popular afirmou que a neglixencia da alcaldesa expón aos máis de 700 empregados municipais a vivir situacións insostibles por falta de responsables de servizos sinalando como puntos quentes a banda de música, a brigada de xardíns, a da zona rural, arquitectura, cultura e arquivo, entre outras.
Os populares insisten no despropósito da falta de planificación por parte da alcaldesa que, malia que foi advertida en marzo de 2017 cun dossier de máis de 600 páxinas, non valorou os riscos dos 17 tipos de postos técnicos do seu plantel que traballan a pé de rúa. Na Relación de Postos de Traballo pásase por alto esta cuestión que afecta aos enxeñeiros, topógrafos, arquitectos, administrativos … e que segundo o estudo de identificación de riscos poden verse implicados en ata 25 tipos de riscos distintos no desenvolvemento do seu traballo (caída de obxectos por manipulación, golpes, atrapamentos por volcos, exposición a temperaturas extremas, contactos eléctricos, accidentes de tráfico …).
“O incumprimento da normativa que denunciamos é un mal exemplo para o resto de empresas de Lugo” matizando que “estamos falando dunha das maiores empresas que hai no municipio polo que non é de recibo esta desidia da alcaldesa que unha vez máis demostra coa súa actitude que no sabe o que ten entre mans, nin está a altura da institución que representa”. “Cre que é o seu cortijo está por riba das leis”, concluiu.