A Xunta de Goberno do Concello de Lugo resolveu hoxe de maneira definitiva o expediente de reclamación por danos e perdas ocasionadas pola empresa Bruxa Consulting ante ao non instalar as casetas 1 e 3 do Polbo no San Froilán e os caldeiros correspondentes. A empresa deberá aboar ao Concello un prexuízo de 79.972 euros.
Doutra banda,a Xunta de Goberno aprobou tamén os proxectos para dotar de novo céspede artificial aos campos de fútbol de Frigsa e A Cheda, unhas actuacións que son posibles grazas a un convenio conxunto impulsado polos Gobernos do Concello e a Deputación.
A entidade local e a provincial mellorarán con 265.000 euros o campo de fútbol de Frigsa e con 235.000 o da Cheda cunhas tarefas que consisten na substitución do pavimento de céspede artifical actualmente existente no terreo de xogo dos campos, aproveitando a infraestrutura existente, e mediante un sistema de retirada sustentable por medios mecánicos con aproveitamento de recheos.
Na sesión deste mércores, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do programa de intervención e pedagóxico Aprende Xogando, -as ociotecas dos centros Maruja Mallo e Uxío Novoneyra, e da nave de vías e obras do Parque da Milagrosa- co obxecto de continuar co desenvolvemento de actividades que permiten aos pais e nais a conciliación da vida laboral e familiar, á A Billarda S.L, por un importe de 129.800 euros para a primeira anualidade.