O Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, inaugurou este xoves a II Xornada sobre a xestión municipal de residuos na provincia de Lugo, organizada polo Goberno da Deputación e a Asociación do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, enmarcada no convenio de colaboración que ambas entidades teñen asinado para a optimización da xestión de residuos nos concellos da Provincia.
Na xornada, que contou coa participación de Alcaldes, Concelleiros e técnicos dos 59 municipios lucenses que decidiron sumarse ao proxecto, expuxéronse os resultados do estudo elaborado pola Deputación e o Eixo Atlántico a custe cero para os Concellos. Fanno co obxectivo de ofrecerlles medidas individuais e comúns coas que reducir custos e facer unha xestión máis sostible. Os resultados deste estudo proveñen dos datos ofrecidos polos 59 municipios adheridos sobre a xestión do lixo no 2016. Analizouse, polo tanto, a prestación deste servizo a 191.676 habitantes lucenses, que representan o 57% da poboación da provincia.
Fernández Queipo apuntou que “dende o Goberno da Deputación estamos comprometidos nesta materia e, por iso, levamos a cabo da man do Eixo Atlántico, un novo estudo sobre a xestión de residuos na provincia. Cómpre subliñar a boa acollida que esta iniciativa acadou entre os municipios lucenses, pois sumáronse 9 novos Concellos con respecto á anterior análise. En base á información que achegaron, poderemos ofrecer aos municipios propostas coas que mellorar o funcionamento desta prestación e aforrar custos”.
O Deputado apuntou neste senso que “os resultados do último estudo amosan, entre outros aspectos, que hai moito camiño por andar nas cantidades recollidas de papel-cartón por habitante. Por iso, dende a Deputación de Lugo marcámonos o obxectivo prioritario de ofrecer aos responsables municipais alternativas máis eficientes mellorando a calidade do servizo de recollida de papel e cartón e o seu control e optimizando os recursos”.
O estudo sobre a situación do servizo de xestión de residuos do Goberno da Deputación busca aforrar os custes económicos dos Concellos da provincia que supoñen a recollida de lixo, cumprir coa legalidade e regulamento específico vixente e diminuír a contaminación ambiental actual. Os datos apuntan que se xeraron un total de 73.000 toneladas de residuos ao longo do ano 2016 nos 59 municipios participantes, das cales 7.300 toneladas correspóndense coa recollida selectiva, o que supón un 11% do total. O custe total estimado da xestión de residuos: recollida, tratamento, puntos limpos para os 59 municipios adheridos é de 15,5 millóns de euros. Por habitante, o custe medio é de 61 euros, mentres que o custe medio por tonelada nos municipios é de 185 euros.