O Goberno da Deputación levará ao Pleno Provincial do vindeiro martes unha moción para instar ao Consello Superior de Deportes, dependente do Ministerio, e á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia a desenvolver un plan de apoio económico ao deporte base, no que se inclúa unha nova regulación laboral máis flexible para as persoas que colaboran e forman parte de clubs e entidades deportivas sen ánimo de lucro.
O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón subliñou que “a lexislación estatal aplicable en materia laboral e deportiva está a poñer en serio risco a supervivencia de clubs e entidades deportivas, e a permanencia neles de adestradores, monitores, técnicos e incluso deportistas, debido a que o seu labor altruísta e voluntario estase equiparando cunha relación laboral convencional. Isto supón un incremento dos gastos derivados da práctica deportiva que, irremediablemente, vai conducir á desaparición de moitos clubs de base por ser incapaces de facer fronte ás esixencias económicas”.
Este plan de apoio económico e mellora do deporte base conterá as medidas oportunas para asegurar o mantemento da consolidada rede de voluntariado no deporte, que realiza un labor altruísta, de maneira que a compensación económica que recibe polos gastos que lle ocasiona a actividade desenvolvida, de ningún xeito poidan ser considerada como un salario. Rivera Capón engadiu que “unha vez establecido este plan, instamos ao Ministerio de Emprego e da Seguridade Social, a desenvolver unha normativa en materia laboral que teña en conta a importante labor social e integradora que desenvolven adestradores, técnicos, ou voluntarios no eido do deporte base”.
Axudas para os clubes de Primeira e Segunda
O Executivo da Deputación aprobou hoxe en Xunta de Goberno novas axudas de 470.000 euros para clubs lucenses de Primeira e Segunda División Nacional. Así o informou o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, que explicou que “trátanse das axudas dirixidas a equipos da provincia que participan en campionatos oficiais federados de Primeira ou Segunda categoría absoluta estatal, e non son sociedades anónimas deportivas. Estas últimas son o CD Lugo e o CB Breogán coas que, como na pasada anualidade, se asinará un contrato de patrocinio, beneficioso tanto para os clubs como para o conxunto da provincia”.
Os beneficiarios das axudas de concorrencia non competitiva, poderán solicitar un anticipo do 80%, e, como novidade, os clubs poderán destinar ata un 30% da axuda á financiar gastos federativos, ou de transporte das categorías inferiores.