O BNG volveu incidir no proxecto dunhas piscinas termais ao carón do Miño, idea que o grupo nacionalista leva incluindo no seu programa electoral dende o ano 2007 e que volveu sacar á palestra no momento no que o Concello logrou os fondos do plan EDUSI.
Para o portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, esta é unha oportunidade única para levalas a cabo, polo que tal é como afirmou “se a alcaldesa quixese, teríamos piscinas termais no próximo inverno”. O estudo recolle diversas posibilidades para lograr este uso lúdico público dentro da legalidade vixente para non interferir na actividade do balneario, que van dende un estudo xeolóxico a través de sondeos para acadar correntes de auga quente que non inflúan no curso acuifero do balneario, como o de crear sistemas xeotérmicos de ciclo pechado que permitan obter auga termal, a pesar de que esta última non sería mediciñal, pero si evitaría os olores a sulfatos e garantiría a inexistente influencia no caudal do balneario.
Ese estudo tamén recolle outras posibilidades como a de quentar auga con placas solares cun sistema de apoio, algo que dende o BNG consideran que é o menos apropiado. En canto á zona a instalar, dado que esta debería darse no ámbito EDUSI (que vai dende a Ponte Romana ata a ponte da estrada de Santiago) dende o BNG consideran que o lugar máis acertado sería a carón do paseo que hai no parque do Pazo de Feiras, xusto en fronte do Club Fluvial, por tratarse este duns terreos públicos e por ter espazo e accesos, que permitirían utilizar o aparcadoiro do Anxo Carro ou o propio que está a carón da Ponte Romana.
O propio estudo da USC recolle que as diferentes poboacións que se asentaron en Lugo viñeron motivadas non só pola situación orográfica estratéxica, senón tamén pola existencia de augas termais que permitían o uso da poboación. Existen multitude de documentos históricos recollidos no propio estudo de moi diferentes épocas relativos ao uso e as súas normas das augas, ao igual que recolle a multitude de topónimos na zona que fan referencia ao seu desfrute, e a existencia en sitios diversos do municipio, tales como poida ser “Calde”.
O concelleiro do BNG, Rubén Arroxo, considera que este é un dos proxectos que máis rédito se pode sacar do EDUSI a medio-longo prazo “temos a posibilidade de converter Lugo nun referente de uso de augas termais, ao igual que o foi en épocas pasadas, tamén temos a posibilidade de que a veciñanza da cidade poida volver usar este elemento para o seu desfrute, e iso significaría unha verdadeira apertura da cidade ao Miño” , entendendo ademais dende o BNG que de non executalo canto antes, Lugo perdería unha oportunidade única