A Deputación de Lugo promociona o viño da Ribeira Sacra

O Goberno da Deputación de Lugo destinou máis de 40.000 euros á promoción da viticultura da Ribeira Sacra no último ano, no que colaborou coas principais feiras e citas relacionadas co viño, así como con entidades que fomentan e poñen en valor os produtos vitivinícolas. En concreto, o Executivo Provincial axudou no desenvolvemento da Feira do Viño de Chantada, na Feira do Viño de Amandi en Sober, na Feira do Viño de Quiroga, na Cata de viños de Vilachá, na Feira do Viño de Pantón e co Festival do Viño na Ribeira Sacra.  Para este exercicio xa están previstas axudas por importe de 13.000 euros. Ademais, durante todo o ano, o Goberno Provincial traballa da man co Consello Regulador da Ribeira Sacra na posta en valor do viño desta denominación de orixe, así como na promoción turística do sur da provincia a través de distintas actividades e iniciativas.

 O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto a outras autoridades, participou este domingo na XXXVIII edición da Feira do Viño de Amandi, que se celebra no Concello de Sober. Este ano, os visitantes á cita gastronómica poderán degustar o viño das 23 bodegas que participan de toda a comarca. Ademais, durante a xornada de tarde, terán lugar concertos e actuacións musicais.

 Campos Conde destacou que “todas estas colaboracións que mantemos dende o Goberno da Deputación cos diferentes Concellos e entidades que desenvolven as feiras do viño no sur da provincia, enmárcanse dentro da nosa aposta decidida por promocionar e impulsar o extraordinario viño co que contamos na Ribeira Sacra, ao tempo que potenciamos e impulsamos o crecemento no sector turístico, na procura dun modelo máis competitivo e rendible, así como a economía desta zona da provincia”.

 O Presidente apuntou que “o traballo diario e meticuloso que realizan durante todo o ano os viticultores lucenses, vese reflectido na calidade e na importancia dos nosos viños, admirados e distinguidos en todo o mundo. Dende o Executivo Provincial seguiremos a traballar da man con todos estes emprendedores, que fan posible que a provincia de Lugo conte cunha gran variedade de viños tintos, brancos ou en barrica, todos singulares, e moi demandados fora das nosas fronteiras”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com