Lugonovo pide que o Xefe de Contratación informe en Comisión dos expedientes caducos

Lugonovo que o Xefe de Contratación asista á vindeira Comisión de Contas para explicar, polo miúdo, cales son os motivos que están a enlentecer a tramitación das distintas licitacións pendentes ou caducas que afectan a varias prestacións municipais.

“Dende a atención ao público nos Museos, no Vello Cárcere ou no Centro de Novas Tecnoloxías, pasando pola xestión do ciclo da auga, a limpeza viaria e recollida de lixo, o mantemento dos parques e zonas verdes da cidade ou mesmo a subministración de papel e ata do combustible que posibilitará o funcionamento da caldeira de biomasa de Frigsa. A preguntas da oposición sobre as razóns polas que aínda non se formalizaron estas e outras moitas adxudicacións, a resposta do goberno sempre é a mesma: está en contratación”, indica a portavoz do Grupo Municipal.

“Unha contestación simplista que se acompaña con outra apostila: pero os pregos están preparados e a punto de saír. Mais a realidade nos demostra que non é verdade, porque aínda non coñecemos ningún. Por iso, para dar conta da situación fidedigna de todos estes expedientes, requirimos a presenza do responsable do departamento. Queremos que nos traslade un informe da situación dos contratos e dos procedementos e prazos que restan antes de que poidan entrar en vigor porque as desculpas esgrimidas polo executivo, por reiterativas, xa non teñen para nós credibilidade algunha”, advirte Cristina Pérez Herráiz.

“A culpa é ou da falta de persoal ou da falta de orzamentos, din. O certo é que mes tras mes, as facturas con reparos de legalidade seguen chegando ao Pleno, seguen lastrando a operatividade dos servizos e encarecendo o seu custo sen que, por outra banda, nin se tomen medidas para resolvelo nin se preste atención á calidade coa que se dispensan á cidadanía”, refire a voceira da formación.

“Non hai máis que lembrar que, en ano e medio, a alcaldesa nin sequera foi capaz de dar un só paso para avanzar na constitución da Comisión de Control das Contratacións que propuxemos en outubro de 2016, pese a ter o respaldo da maioría da Corporación. Velaí outro bo exemplo da transparencia que define o proceder deste equipo de goberno e a súa preocupación por efectivizar o labor do Concello”, reprocha Pérez Herráiz.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com